Entre os anos 2011 e 2017, unicamente tres comarcas galegas aumentaron a súa poboación, mentres que as outras 50 perderon habitantes, e tan só 11 rexistraron algún incremento do emprego. Así o pon de relevo un estudo realizado pola economista Mª Carmen Guisán Seijas, catedrática no Departamento de Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Das catro provincias galegas, foi sen dúbida Pontevedra a melllor parada na análise, cun aumento de habitantes nese período que dobra o rexistrado para A Coruña, e non ten que ver co precipitado descenso poboacional das provincias de Lugo e Ourense, que perderon nos últimos 35 anos case 200.000 habitantes. De tódolos xeitos, o aumento está relacionado con comarcas moi concretas, e a práctica totalidade das comarcas galegas están en proceso de despoboación.
A catedrática analizou os movementos de emigración interior e exterior en Galicia e, mediante un modelo econométrico, comprobou o impacto positivo e significativo do emprego sobre o incremento de poboación, estimado con datos das 53 comarcas de Galicia. É por isto que recomenda incrementar a converxencia do desenvolvemento industrial de Galicia cara aos niveis de rexións europeas máis avanzadas.
ESTANCAMENTO DA POBOACIÓN
En conxunto, a profesora observa un “estancamento da poboación galega”, cunha diminución de máis de 39.000 habitantes no período 1981-2005, un incremento de máis de 35.000 no período 2005-2010 e unha diminución de máis de 89.000 no período 2010-2017. Mentres as provincias da Coruña e Pontevedra incrementaron a súa poboación, no período 1981- 2017, as de Lugo e Ourense, así como o conxunto de Galicia, experimentaron unha forte diminución.
Así, no período 1981-2017, Pontevedra incrementou a súa poboación, en 59.463 persoas, destacando Vigo cun incremento de 56.170 e Pontevedra, cun incremento de 17.558. Tiveron tamén unha evolución positiva O Baixo Miño (cun incremento de 5.718), O Condado (cun incremento de 2.473), O Morrazo (cun incremento de 7.542) e O Salnés (cun incremento de 10.959).
No seu estudo, Guisán Seijas observou un descenso de poboación no período 1981-2017, moi elevado en moitas comarcas. Nesta tendencia non só influíu o envellecemento da poboación —máis maior no rural—, senón tamén as oportunidades laborais e, polo tanto, o desenvolvemento industrial das comarcas.
As comarcas máis destacadas por incremento de poboación no período 2005-2010 foron A Coruña, Vigo e Santiago. Na provincia de Pontevedra 7 das súas 11 comarcas tiveron incremento de poboación no período 2005-2010: Baixo Miño, Caldas, Condado, Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo. A reportaxe completa pode ser consultada en Galicia Confidencial.