InicioMedio Ambiente e PatrimonioTomiño e Cerveira preparan un turismo conxunto ao Miño que borre tódalas...

Tomiño e Cerveira preparan un turismo conxunto ao Miño que borre tódalas fronteiras

Dentro do proxecto está a creación dun parque transfronteirizo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Borrar a noción de fronteira entre Galiza e Portugal, ofrecendo o Territorio Río Miño coma un produto único, resultará estratéxico á hora de atraer turistas”. Nesta idea base coincidiron tanto os alcaldes de Cerveira e Tomiño (Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente), coma o director da AECT Río Miño (Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño), Uxío Benítez, durante a inauguración das xornadas “O turismo no contexto transfronteirizo Cerveira- Tomiño”, celebradas hoxe xoves no Castelo de Vila Nova de Cerveira.

Benítez referiuse á situación xeoestratéxica da zona, entre as cidades de Vigo e Oporto, cunha paisaxe común e recursos endóxenos moi valiosos, que compoñen a Marca Río Miño, na que xa se está a traballar no ámbito europeo, con dous proxectos (Smart Miño e Visit Río Miño. Fondos INTERREG V-A (POCTEP).

O tamén deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, referiuse, asemade, á creación do “Anel Verde”, proxecto no que se investirán máis de 600.000 euros para conseguir conectar todas as sendas dun e outro lado do río, e vendelas como un ‘paquete’.

“O corazón dese anel verde será a creación dun parque transfronteirizo, integrado polo parque do Casteliño e o Espazo Fortaleza (en Cerveira e Goián, respectivamente), que estará unido por unha ponte peonil sobre o río”, explicou o director da AECT Río Miño.

Sandra González, pola súa banda, agradeceu a participación das preto de 30 entidades que se reuniron previamente ás xornadas para traballar no tema de iniciativas turísticas conxuntas, resaltando o papel fundamental da participación cidadá nestes procesos.

As xornadas, organizadas pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e o Interreg España- Portugal, estendéronse ao longo da xornada, con dúas mesas de traballo (“Natureza, Cultura e Paisaxe” e “Oferta e demanda turística”) e visitas guiadas, contando coa colaboración de profesionais galegos e lusos, coma Juan Manuel Trillo, profesor da Universidade de Santiago; Alfredo Iglesias Graña, xerente de Guías Malouco; Xerardo Pereiro, profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; Alexandra Correia, profesora de turismo no Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Paulo Almeida, xerente de Portugal Green Walks; Goretti Silva, doutora en turismo pola Universidade de Bournemouth (Reino Unido) e Manuel Rodríguez, técnico da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais.

Entre as persoas asistentes atopábanse tamén as valedoras/provedoras transfronteirizas de Tomiño e Cerveira, concelleiros de Cultura e Turismo de ambos os dous concellos, técnicos municipais, axentes locais, etc.

ÚLTIMAS

O afundimento dun pesqueiro portugués en Bouzas obriga a despregar barreiras anticontaminación

O afundimento dun pesqueiro portugués abandonado, que se atopaba atracado na dársena de Bouzas,...

Vigo convértese no epicentro da oncoloxía de precisión coa reunión de 150 expertos nacionais

A sede de Afundación en Vigo acolle este xoves e este venres o VIII...

A comunidade educativa mobilízase en seis concellos da área de Vigo contra os recortes no ensino

Federacións de Anpas, Asembleas Abertas do Ensino Público e outros colectivos da comunidade educativa...

Caballero levará ao Goberno as “trampas” da RFEF e acusa á Xunta e ao PP de frear a candidatura de Vigo ao Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que manterá o próximo 2 de marzo...