InicioCulturaO escritor galego Francisco Álvarez 'Koki' presenta na Guarda o seu novo...

O escritor galego Francisco Álvarez ‘Koki’ presenta na Guarda o seu novo poemario, ‘Un neno na emigración’

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Centro Cultural da Guarda acolle este venres 16 de novembro ás 20.00 horas a presentación do poemario “A memoria das palabras” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Francisco Álvarez “Koki”, nun acto que tamén servirá de plataforma para dar a coñecer ao público os seus dous últimos contos infantís, “Un neno na emigración” e “Vasoiras Barreiro”, publicados asemade por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do profesor e escritor Ramón Caride; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o ilustrador Antonio Martínez “Cachi”.

Melancólicos, vibrantes e doridos, os versos do poemario “A memoria das palabras” son o fío de Ariadna que une dous espazos e dous tempos: o Nova York emigrante no que o autor ten vivido tantos anos, dunha banda, e a memoria da Guarda orixinaria e fundante, doutra. Da colisión de ambas as dúas galaxias xorde o xenuíno cosmos poético que Francisco Álvarez alenta nestas páxinas.

Portada de A memoria das palabras/ Edicións Fervenza

En canto ás dúas obras infantís, “Un neno na emigración” e “Vasoiras Barreiro” preséntanse en tres idiomas: galego, castelán e inglés; as tres linguas que marcan a este autor galego, que viviu en Estados Unidos unha gran parte da súa vida.

En “Un neno na emigración”, o seu protagonista, Breogán, é un neno de tres anos que naceu en Galicia e que, por circunstancias da vida acabará vivindo en New York, onde terá que adaptarse a un novo lugar e a novos amigos, cada un dun país distinto.

Nese periplo coñecerá moitas cousas novas pero tamén recordará con morriña a súa vida xunto aos seus avós en Galicia, coas vacas, os porcos e as ovellas. Un neno na emigración, e da emigración, feliz por coñecer novas culturas sen esquecer a súa propia. Unha obra que contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e na que prima o respecto pola identidade dun país sen deixar de lado o que nos rodea.

Portada de Un neno na emigración/ Edicións Fervenza

No que respecta a “Vasoiras Barreiro”, este conto érguese como un tándem infantil de tres nenos que fan un soño real, como nas películas de aventuras que ollan na televisión. Migración dos máis necesitados, bancos que estafan á xente. Ladróns sen conciencia que non contan coa inxenua xustiza de tres nenos que non teñen outro interese que un mundo mellor.

Son temas de actualidade vistos dende o prisma duns nenos que, coa axuda dunha vasoira, só pretenden un mundo sen inxustizas. Unha publicación na que colaboraron a Xunta de Galicia e queixos Hoxe.

O autor, Francisco Álvarez Álvarez, “Koki” (A Guarda, 1957), escritor galego que reside en New York, é tamén animador cultural, tanto en galego como en castelán. En New York fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro onde, a través de actos culturais, mostra a cultura galega.

Durante algúns anos é representante da Unesco de Galicia na ONU. Tamén foi correspondente de “A Peneira” e agora colaborador de “A Nova Peneira”. Os seus últimos libros publicados en galego inclúen Maruxía (1989), Máis aló de Fisterre (1991), Alén da fronteira (1999) e Para abril e amantes (2003).

No que respecta á narrativa, publicou Ratas en Manhattan (2007) e Un neno na emigración (2014); e, en canto á poesía, os seus títulos máis recentes son Sombra de luna (2015) e Erótica… dos (2017).

Coordinou a antoloxía de poetas hispanos Al fin de siglo 20 poetas (1999) e tamén o libro Piel palabra, poetas españoles en Nova Iorque (2003). As últimas antoloxías nas que foi catalogado son Miradas de Nueva York de Juan Luís Tapia (El Vigía, 2000) e Geometría y Angustia de Julio Neira (Fundación José Manuel Lara Sevilla, 2013).

Colaborou en case todas as revistas literarias de New York, América Latina e Galicia, así como en numerosos libros colectivos. Recentemente vén de publicar o poemario A memoria das palabras (Edicións Fervenza, 2018) e os contos infantís Un neno na emigración (reedición Edicións Fervenza, 2018) e Vasoiras Barreiro (Edicións Fervenza, 2018).

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...

O TS confirma a sentenza contra Stellantis que recoñece o dereito dunha traballadora á conciliación

O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...