InicioEconomíaA oposición rexeita os orzamentos "propagandísticos" e "insolidarios" do goberno de Caballero

A oposición rexeita os orzamentos “propagandísticos” e “insolidarios” do goberno de Caballero

PP e BNG súmanse a Marea na presentación de emendas ás contas do Concello.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os grupos da oposición do Concello de Vigo rexeitaron os orzamentos municipais que o alcalde da cidade, Abel Caballero, presentou nas últimas semanas ao consideralos “propagandísticos” e “insolidarios”.

Neste sentido, o Partido Popular (PP) de Vigo fixo efectivo este luns o seu rexeitamento aos orzamentos municipais a través dunha emenda á totalidade, que será debatida no pleno do próximo 18 de novembro.

Segundo informou o seu portavoz municipal, Alfonso Marnotes, a situación de crise económica require unhas contas acordes, nas que se recoñezan as dificultades que atravesan as familias, as necesidades dos colectivos sociais máis vulnerables e os sectores máis afectados pola inflación. Para todos eles, esixen axudas e exencións fiscais que non teñen reflexo no actual deseño orzamentario.

Os orzamentos, en opinión de Marnotes, “dan as costas aos vigueses, disparan o gasto corrente e non teñen en conta o contexto económico actual“. Así, desde o PP fixan como obxectivos “irrenunciables” a creación de emprego, a protección social e a actividade económica.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou un total de 83 emendas parciais aos orzamentos do Concello de Vigo para o próximo exercicio, unhas contas que desde o BNG tachan de “catálogo propagandístico” por parte do alcalde da cidade, Abel Caballero.

“Os orzamentos do grupo municipal socialista pódense resumir en apenas tres palabras: máis do mesmo“, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, quen lamentou que o Goberno local elaborase de novo as contas “de forma obscenamente antidemocrática, sen participación nin diálogo”.

Precisamente, a pasada semana, Marea de Vigo presentou unha emenda á totalidade aos orzamentos do Concello de Vigo para o ano 2023 por consideralos “inxustos e insolidarios”.

“Como pode ser que sen débeda, con remanentes de tesouraría notables e sen execucións ás partidas por encima do 50%, Vigo aínda estea por baixo dos 100 euros de gasto social por habitante, as políticas de vivenda de emerxencia sexan case nulas ou as dotacións públicas como bibliotecas, centros de día ou escolas infantís sexan inexistentes ou escasísimas?”, cuestionábase o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez.

ÚLTIMAS

O crime de Lavadores terá que esperar: suspenden o xuízo contra o home acusado de matar a súa irmá a coiteladas no 2024

O xuízo polo asasinato de Mari Carmen, a muller que morreu a coiteladas en...

A Biblioteca do Estado en Vigo dá un novo paso: o Goberno acepta os terreos cedidos polo Concello

A futura Biblioteca do Estado en Vigo dá un novo paso administrativo cara á...

Un SMS que parecía do banco: así estafaron máis de 1,14 millóns de euros a 130 persoas nunha trama cunha detida en Vigo

Unha mensaxe no teléfono móbil, unha suposta transferencia bancaria fraudulenta e unha chamada urxente...

Vigo crea ‘A Navideña’, unha “Compostelana” que acredita a visita á cidade durante as festas

OO alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a creación de "A Navideña", un certificado...