InicioSociedadeInvestigadores e investigadoras de atlanTTic "conectarán" coa cidadanía o vindeiro venres

Investigadores e investigadoras de atlanTTic “conectarán” coa cidadanía o vindeiro venres

PUBLICADO O

- Advertisement -
Imaxe da xornada de portas abertas celebrada o ano pasado. / UVigo
Un intre da visita á cámara anecóica na xornada de portas abertas do ano pasado. / UVigo

Baixo o lema Conecta con atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo celebrará o vindeiro venres, 18 de novembro, entre as 16.00 e as 19.00 horas, unha nova xornada de portas abertas co obxectivo de achegar o seu traballo á cidadanía. Unha vintena de investigadoras e investigadores que desenvolven a súa actividade no centro, amosarán o seu labor e atenderán as preguntas e dúbidas que sobre a mesma lle formulen ás e os participantes na xornada, que poderán visitar as instalacións e participar nas visitas guiadas aos laboratorios do centro de excelencia investigadora da Universidade de Vigo.

Os equipos científicos que traballan en programas en colaboración coa Axencia Espacial Europea (ESA), en proxectos para mellorar a ciberseguridade, en aplicacións para achegar a cultura ou o Camiño de Santiago a toda as persoas, en ferramentas para a auto-diagnose de enfermidades, ou mesmo nos últimos avances en 5G, cuántica, intelixencia artificial ou fotónica integrada participarán nesta xornada, na que o público, tamén, poderá visitar postos con demostracións e os tres dos laboratorios no que o persoal investigador de atlanTTic desenvolve a súa actividade: o laboratorio de seguimento de satélites; o laboratorio de fotónica; e o de acústica , coa cámara semianecoica, totalmente illada de calquera fonte sonora externa, deseñada e recuberta para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas e cunha sala de control non-enviroment.

Esta xornada de portas abertas enmárcase no programa de actividades de Divulgando Ciencia Singular e require inscrición previa que se pode realizarse a través da propia web de atlanTTic.

UNHA OCASIÓN ÚNICA PARA ENTRAR EN CONTACTO CO PERSOAL INVESTIGADOR

“Trátase dunha ocasión única para poder estar en contacto co persoal investigador do centro e coñecer de que xeito inflúen no deseño das tecnoloxías do futuro a través da súa colaboración activa en proxectos desenvolvidos para empresas e institucións nacionais e internacionais”, explican desde atlanTTic, sobre a xornada do vindeiro venres na que o centro ofrecerá espazos para compartir os seus proxectos máis novidosos ou mesmo os resultados das súas últimas investigacións en curso, co fin de achegar a ciencia á cidadanía.

Así, na xornada de portas amosaranse proxectos como SignaMed, para o emprego do recoñecemento automático de lingua de signos; a app talkAACtive, que axuda a persoas con Trastorno do Espectro Autista no entorno laboral; o Bot de Entretemento e Acompañamento (BEA), para persoas maiores; o proxecto rurAllure, para planificar itinerarios de varias rutas peregrinas europeas; Fawrensian, o software que analiza a veracidade das fotografías; Lightboard, para a educación dixital; LifeTEC, novas ferramentas para a loita contra aos lumes; LitterDrone e BEWATS, teledetección e seguimento de lixo no mar, ou Panoramix, para a detección do deterioro cognitivo.  

Entre as persoas que participen na xornada de portas abertas, atlanTTic sorteará un kit de produtos promocionais do centro. 

UN CENTRO PUNTEIRO

AtlanTTic é un centro de investigación punteiro integrado por máis de 170 profesionais que desenvolven coñecemento no campo da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.

O seu equipo investigador, ademais de liderar proxectos H2020 e colaborar coa Axencia Espacial Europea (ESA), obtivo diversos premios ao seu labor, ademais de pertencer a algunhas das academias e sociedades científicas e profesionais máis recoñecidas e asinar artigos nas máis prestixiosas cabeceiras sobre ciencia como Science ou Nature. 

ÚLTIMAS

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Interceptado en Moaña tras extraer ilegalmente máis de 25 quilos de centola e nécora

A Garda Civil interceptou nunha praia de Moaña (Pontevedra) un home de 32 anos,...

Kiko Veneno fará escala en Vigo o 23 de outubro cun concerto entre clásicos e novas cancións

A xira do músico Kiko Veneno fará escala no Auditorio Mar de Vigo o...

Caballero denuncia o “mal funcionamento” do transporte escolar en Vigo e reclama máis profesorado

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lamentou o “mal funcionamento” do transporte escolar este...