InicioCulturaGrupos de Vigo en Loita denuncia a suspensión de concertos por parte...

Grupos de Vigo en Loita denuncia a suspensión de concertos por parte da Policía Local

A plataforma critica a "tendencia de desinterese e desleixo das autoridades cara a escena musical en Vigo e os seus artistas emerxentes".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita critica os peches de concertos acústicos que a Policía Local viguesa estivo efectuando nas últimas semanas.

O pasado sábado, relatan, sucedeu no Al Traste Rock Bar de Rúa Torrecedeira, ás tres cancións de comezar o concerto acústico do grupo Other Game en sesión vermut, programado para as 12:30 do mediodía. Por outra banda, o venres 14 de outubro, segundo expuxo en redes sociais o Nuevo Bonus Track de Rúa Pi y Margall interior, a Policía acudiu a este bar a deter un suposto concerto que “non se estaba a producir nin estaba programado”. Este mesmo establecemento, que está insonorizado, sufrira a semana anterior a suspensión doutro concerto acústico, denuncia a plataforma.

“Estes son dous exemplos dunha situación que se vén dando dende hai moito tempo debido ás deficiencias na regulación dos locais de concertos en Vigo”. En palabras do colectivo de músicas e músicos vigueses, a falta de concesión de licencias axeitadas aos locais de concertos fai que “nos poidan cancelar as nosas actuacións durante o día pola mera chamada dalgún veciño, ou simplemente porque os responsables da Policía manden unha patrulla e ordenen parar, independentemente do volume e dos horarios”.

Esta situación estaría encadrada, para Grupos de Vigo en Loita, nunha “tendencia de desinterese e desleixo das autoridades cara a escena musical en Vigo e os seus artistas emerxentes”, manifestada en capítulos anteriores nos peches das diferentes salas de ensaio municipais ou a case ausencia de grupos de Vigo na programación municipal. Isto ten, afirman, efectos “moi negativos” para o panorama cultural da cidade no seu conxunto, como xa denunciaron noutras ocasións.

O propio colectivo, engaden, sufriu esta situación durante a celebración dun concerto na Sala Molotov, en Travesía de Santiago de Vigo. Grupos de Vigo en Loita organizara aquel concerto o día 3 de xuño para reivindicar a mellora das condicións das salas de ensaio de Vigosónico e o apoio do goberno municipal ás bandas locais. “Porén, ás 21:00 da tarde, xusto cando comezaba o concerto, a Policía Local xa estaba na porta ordenando o peche, a pesar de tratarse dunha sala insonorizada que ten actividade de ocio nocturno con total normalidade e sen que houbese tempo posible para que ningún veciño emitise ningunha queixa”, denuncian.

GRUPOS DE VIGO EN LOITA

Grupos de Vigo en Loita xurdiu como plataforma o 11 de xaneiro deste ano, inicialmente para protestar polo peche definitivo das salas de ensaio municipais de Vigosónico. Despois de meses de protesta a través de diferentes accións, logrouse a reapertura das instalacións, e, posteriormente, a posta en funcionamento das salas de ensaio a principios do mes de maio.

A pesar de ter logrado o seu principal obxectivo fundacional, continúan a súa andaina para “reivindicar melloras nas condicións do servizo, mermado con respecto á súa situación anterior á pandemia, entre outras demandas relativas á escena musical viguesa”.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...