InicioSociedadeA Universidade de Vigo fai o deseño conceptual dunha base humana en...

A Universidade de Vigo fai o deseño conceptual dunha base humana en Marte

Conta con tres pisos para laboratorios e vivenda sobre unha planta hexagonal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Investigadores do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da Universidade de Vigo (UVigo) desenvolveron un deseño conceptual dunha base humana en Marte, que conta con tres pisos para laboratorios e vivenda sobre unha planta hexagonal.

A chegada do ser humano a Marte é un dos retos máis ambiciosos das distintas axencias espaciais. A NASA ten o obxectivo de mandar astronautas ao planeta vermello a finais da década dos 30 ou a principios dos 40 do século actual (2030/2040).

Por iso, científicos da UVigo realizaron o deseño conceptual desta base humana en Marte, centrando a súa investigación no comportamento térmico da estrutura proposta.

O grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, dirixido polo profesor Fernando Aguado, leva varios anos traballando en proxectos relacionados coa colonización de planetas e satélites do Sistema Solar. Entre as iniciativas máis destacadas neste ámbito está a súa colaboración no deseño integrado dun vehículo guindastre para explorar o interior de tubos de lava na lúa.

Continuando con esta liña, membros do grupo realizaron o deseño dunha base humana en Marte. Os resultados da súa investigación aparecen publicados en revista Acta Astronáutica da editorial Elsevier.

É necesario propor posibles deseños de hábitat para aloxar a seres humanos nunha contorna tan hostil como a marciana e esta quere ser nosa primeira contribución neste ámbito”, destacaron membros do proxecto.

A IDEA NACE DUN TFG

Segundo explican os seus responsables, o estudo parte dunha idea acordada o pasado curso académico para a realización dun Traballo de Fin de Grao polo alumno de grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense Marcos Salgado.

“O potencial do TFG realizado fixo posible desenvolver a investigación publicada agora, grazas á incorporación ao equipo do profesor da área de Enxeñaría Aeroespacial Alejandro Gómez e da investigadora do grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais Uxía García”, indicaron.

Neste sentido, subliñaron que Marte é un planeta cuxas condicións “non son apropiadas para a vida do ser humano”. Por iso, a análise centrouse nun primeiro momento nos principais aspectos que conforman a contorna marciana, como a súa atmosfera, a súa temperatura (cun rango moi alto que vai desde os 100 graos baixo cero ata os 20 graos), a súa radiación (letal por non ter magnetosfera) ou os seus chans.

“O hábitat deseñado tamén tiña que cumprir unha serie de requisitos que facilitasen longas estancias, como sinxeleza, resistencia e habitabilidade para un apropiado benestar psicolóxico”, engadiron.

Por iso, o equipo investigador desenvolveu un deseño conceptual do hábitat baseado nunha estrutura fabricada integramente na Terra e realizado tras un estudo das alternativas previas, tentando combinar as vantaxes dalgunhas á vez que minimizar os seus inconvenientes.

En concreto, o hábitat creado ten unha planta hexagonal, de 4,5 metros cada lado, e está formado por tres plantas de 2,8 metros de altura cada unha delas. Os materiais principais empregados son aliaxes de aluminio.

“Definimos unhas estancias para vivenda, con dormitorios, aseos e zonas comúns, e outras para albergar laboratorios, para a realización de experimentos”, apostilaron os seus creadores.

ÚLTIMAS

Zendal organiza no Porriño un encontro internacional sobre os desafíos da inmunización e a saúde global

A compañía biotecnolóxica Zendal organizará este venres, 24 de abril, nas súas instalacións do...

O PP reprocha a Caballero que presuma de “potencia turística”

A presidenta do PP de Vigo e portavoz municipal 'popular', Luisa Sánchez, reprochou este...

O Sergas garante asistencia a quen deixe Povisa e escolla o Cunqueiro

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que se “dará resposta” ás necesidades...

O BNG carga contra Concello e Xunta polo desaloxo de Beiramar: “Máis de vinte persoas seguen na rúa”

O BNG de Vigo denunciou este martes que, unha semana despois do desaloxo da...