InicioDeportesVigo converterase por un día na capital do deporte inclusivo

Vigo converterase por un día na capital do deporte inclusivo

A cidade acollerá o próximo 21 de setembro unha xornada sobre deporte e Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A cidade de Vigo acollerá o próximo 21 de setembro unha xornada sobre deporte e Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), promovida pola Deputación de Pontevedra e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coa colaboración do Consello Superior de Deportes, e que contará coa presenza do secretario de Estado, José Manuel Franco.

Así, o auditorio Mar de Vigo será escenario da xornada ‘O deporte como ferramenta crave para a redución da desigualdade no marco da Axenda 2030’, que pretende pór en valor a práctica deportiva como un beneficio non só para a saúde, senón tamén para favorecer a integración, a sociabilización e a redución da desigualdade.

Segundo destacou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, durante a presentación da xornada este martes en Vigo, a cidade será “capital do deporte e, sobre todo, daquel que busca incluír a todas as persoas na súa práctica”.

A xornada está enmarcada dentro do Plan de Actuación deseñado entre a FEMP e o Consello Superior de Deportes para a promoción de progamas deportivos que eliminen a desigualdade, no marco da Axenda 2030.

Nese ámbito, sitúase como eixo prioritario o fomento da actividade física e deportiva con eventos “plurais e diversos, nos que as mulleres, as persoas con discapacidade, as nenas e nenos, ou as persoas maiores teñen espazo para practicar deporte”, segundo explicou Carmela Silva, que lembrou que tanto a Deputación como o propio Concello de Vigo “son grandes referentes” no desenvolvemento da Axenda 2030 e a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, subliñou que a xornada será “moito máis” que unha mera reunión da entidade municipalista, e recalcou que “o deporte xa é moito máis que lecer, tempo libre ou actividades físicas”, e converteuse “nunha cultura”.

PROGRAMA DA XORNADA

Así, o próximo 21 de setembro, no marco desta xornada, haberá diferentes mesas de debate para coñecer as boas prácticas na xestión do deporte local como ferramenta para acelerar o cumprimento dos ODS, e daranse a coñecer diferentes experiencias locais centradas na loita contra a desigualdade.

Ademais do secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco, da propia presidenta da Deputación e do alcalde de Vigo, que inaugurarán este foro, está prevista a participación de expertos en materia deportiva no ámbito local, administracións públicas, entidades, organizacións e referentes “nacionais” do deporte.

Ademais dos alcaldes e alcaldesas de Palma, Cáceres ou San Feliu de Llobregat, entre outros, participarán o presidente da Deputación de León, Eduardo Morán, e a directora xeral de Deporte do Principado de Asturias e exciclista, Aida Nuño.

Do ámbito deportivo, estarán na xornada Esther Martínez, exdeportista e experta en igualdade de xénero en deporte; Mari Cruz Seco, adestradora do Club Piragüismo Vilaboa; Agustín Afasto, representante da Asociación Minusválidos Físicos de Vigo de baloncesto; Juan Antonio Segura, director do Consorcio de Entidades para a Acción Integral con Migrantes (CEPAIM), ou Mercé Barrientos, presidenta de Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega).

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Vigo e a crise do capitalismo global

Vigo, a cidade máis poboada de Galicia e un dos motores económicos do noroeste...

O BNG de Vigo alerta do “avance descontrolado” dos pisos turísticos e pide inspeccións e unha ordenanza municipal que os limite

O BNG de Vigo alertou do "avance descontrolado" dos pisos turísticos e pediu ao goberno local...

Caso ‘Karar’: impugnan as notas da DEA tras confirmarse que os axentes da axencia americana non declararán

Varios dos avogados defensores no xuízo que se celebra contra 28 acusados polo alixo...

O Concello de Vigo presentarase por terceira vez aos fondos do PERTE do ciclo da auga

A Xunta de Goberno Local de Vigo, nunha sesión extraordinaria e urxente celebrada este...