O Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (PROSAGAP) vén de denunciar a sobrecarga das urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, por diferentes razóns, coma os recortes na atención primaria ou o acontecido durante O Marisquiño.
Este luns 20 de agosto, ás 8 da mañá, había 21 pacientes en urxencias do Álvaro Cunqueiro pendentes de ingreso e só 4 tiñan cama asignada. “Con este número de pacientes, e coas previsións despois da semana dos festivos, sería lóxico que se habilitase a sala de ingresos este domingo en quenda de noite e se mantivera polo menos hoxe aberta , cousa que non ocorreu”, subliñan. Actualmente hai zonas de hospitalización pechadas no Hospital Álvaro Cunqueiro, máis as correspondentes plantas do Meixoeiro tamén pechadas.
Desde PROSAGAP queren deixar constancia de que “quedan moi ben as mensaxes de apoio en redes sociais ao servizo de urxencias tras O Marisquiño”, e o luns de noite
reforzouse COTO (área de Urxencias que engloba pacientes de Cirurxía, Oftalmoloxía,
Traumatoloxía e Otorrino); “pero non a noite do martes. De feito, os profesionais de Urxencias consideran que COTO debería estar reforzado todo o período de verán”.

“O servizo de Urxencias é a porta de entrada e está “sufrindo” os recortes en primaria e
este verán, do mesmo xeito que os anteriores, está sobrecargado a niveis similares ao período de inverno, con pacientes con patoloxía susceptible de ingreso en gran parte das ocasións, ademais de patoloxías que poderían ser resoltas en Primaria pero ao non ter cita co seu médico están acudindo a este servizo”, lembran.
Desde PROSAGAP solicitan “unha solución a este colapso”: “Pedimos explicacións á Dirección pero non nos deron ningunha resposta”.