InicioEconomíaO tráfico do porto de Vigo medra un 11% en maio

O tráfico do porto de Vigo medra un 11% en maio

Mantense a caída en automóbiles e pezas de automoción.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O tráfico do Porto de Vigo experimentou un crecemento de algo máis de 11 % no pasado mes de maio, con boas cifras nos movementos de mercadorías, fóra dalgunhas, como os tráficos de automoción, que seguen caendo.

Segundo o informe de xestión trasladado este martes ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria, o tráfico de mercadorías en maio creceu case un 13 %, con incrementos significativos en materiais como os metais e as súas manufacturas (+163 %), carbóns (+137,8 %), abonos e pensos (+ 116 %), aceite de peixe (+83,4 %), fariña de peixe (+45 %) ou cereais (60 %). Tamén experimentou unha subida a pesca conxelada (+9,76 %).

No balance de maio arroxa igualmente datos positivos o tráfico de colectores, cunha subida de case o 30 %; e o tráfico de pasaxeiros, que aumentou no caso dos cruceiros e no transporte de ría.

Por contra, a falta de aprovisionamentos e as paradas de actividade na planta de Stellantis Vigo séguense notando na terminal olívica no mes de maio, cunha caída nos movementos de vehículos do 38,5 % e un descenso do 12,8 % no que respecta a pezas de automoción. Así mesmo, experimentou descenso a pesca conxelada, cun 6,57 % menos.

Con respecto aos datos acumulados, o tráfico do Porto de Vigo experimentou un incremento dun 0,22 % entre xaneiro e maio, con respecto ao mesmo período do ano pasado. Así, o tráfico de mercadorías creceu un 0,70 %.

As principais mercadorías con números positivos en tráficos acumulados son cereais, conservas, froitas, cereais, metais ou papel. Na outra cara da moeda, hai descensos nos tráficos acumulados de vehículos (- 29 %), pezas de automoción (-31,9 %), pesca fresca (-0,32 %), pesca conxelada (-2,46 %), ou maquinaria (-17 %).

AMPLIACIÓN DO SILO DE BOUZAS

Por outra banda, o presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuíña, informou en rolda de prensa da adxudicación da asistencia técnica para redactar o proxecto de ampliación do silo de coches na terminal de Bouzas.

Dita ampliación permitirá gañar outros 60.000 metros cadrados en altura para o almacenamento de vehículos e a previsión é que o ano próximo poidan comezar as obras. Os traballos tiñan un orzamento estimado de entre 20 e 25 millóns de euros, aínda que será o proxecto o que fixe o custo.

Finalmente, cuestionado acerca da situación de Estaleiro San Enrique (antiga factorías Vulcano), o presidente do porto lembrou que se lle outorgou a concesión cunhas “condicións moi dura” e debe cumprir certos requisitos, entre eles, de investimentos.

“Iremos medindo a súa actividade, faremos seguimento”, explicou, á vez que confirmou que, aínda que o Porto mantén a súa intención de comprar a parte privada do estaleiro, a empresa non está disposta a vender polo momento, polo que haberá que esperar á aprobación da DEUP (Delimitación de Espazos e Usos Portuarios) e os trámites ambientais para levar a cabo a expropiación.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...