InicioSociedadeO Cunqueiro, pioneiro en Galicia na colocación pouco invasiva de implantes para...

O Cunqueiro, pioneiro en Galicia na colocación pouco invasiva de implantes para previr ictus

Consiste nun dispositivo de nitinol en forma de espiral que se introduce nas carótidas a través dunha ecografía guiada, de maneira que non se necesita anestesia nin sedación. 

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo converteuse no primeiro centro sanitario galego en realizar implantes minimamente invasivos para a protección das arterias carótidas e a prevención de ictus, e é o segundo no Estado en aplicar esta nova técnica, desenvolvida no marco dun estudo de envergadura internacional.

Segundo informaron fontes do Sergas, ata agora leváronse a cabo dous implantes por parte dun equipo multidisciplinar, composto por especialistas de Cardioloxía, Cirurxía Vascular, Neuroloxía, e Neurorradioloxía, e os procedementos foron un éxito, cos pacientes dados de alta na súa casa e levando vida normal.

Segundo explicou o investigador principal do estudo en Vigo, o cardiólogo Víctor Jiménez, esta técnica é unha opción terapéutica de futuro “para protexer os pacientes que xa sufriron ictus, e prever así novos episodios cerebrovasculares”. De feito, con este procedemento pódese diminuír o risco de accidente cerebrovascular ata nun 90 % dos casos.

A maioría dos ictus prodúcense a través das arterias carótidas, os vasos sanguíneos que levan o sangue ao cerebro e a cara. Ás veces, a través do fluxo sanguíneo, desprázanse coágulos que poden chegar ao cerebro e causar un accidente vascular.

Os pacientes susceptibles de recibir estes implantes han de cumprir uns requisitos: trátase de persoas con fibrilación auricular, que xa sufriron un episodio cerebrovascular e teñen alto risco de que se repita, aínda que sigan tratamento con anticoagulantes.

TECNOLOXÍA

O implante consiste nun dispositivo de nitinol en forma de espiral que, dunha forma minimamente invasiva, se introduce nas carótidas a través dunha ecografía guiada, de maneira que non se necesita anestesia nin sedación. Cando se chega á carótida, a espiral desprégase ao redor da arteria para cubrila e protexela, e actúa como filtro que evita o desprazamento de coágulos cara ao cerebro.

A Unidade de Investigación Cardiovascular do hospital Álvaro Cunqueiro, xunto co resto de servizos, participa nun estudo internacional para validar a seguridade e eficacia desta técnica, realizando un seguimento continuado aos pacientes durante dous. Está previsto que os profesionais realicen outros 5 implantes máis no marco deste proxecto de investigación.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...