InicioSociedadeAtopan ADN masculino nunha das uñas de Déborah Fernández

Atopan ADN masculino nunha das uñas de Déborah Fernández

A súa familia pedirá que se amplíe a proba para buscar "marcadores xenéticos".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os resultados do Instituto Nacional de Toxicoloxía tras as análises de mostras recollidas ao cadáver de Déborah Fernández-Cervera confirmaron a presenza de ADN masculino nunha das súas uñas. Así o confirmou a familia da moza, que apareceu morta nunha cuneta do Rosal en maio de 2002, uns días despois de desaparecer cando facía deporte preto da súa casa en Vigo.

A familia tamén avanzou que solicitará a ampliación desta proba pericial para “tentar determinar os marcadores xenéticos achados”. Por outra banda, con respecto ao pelo achado tras a exhumación do corpo da moza, os estudos de toxicoloxía determinaron que se trata dunha fibra de PVDC, material empregado para o envasado de alimentos, entre outros usos. “O que demostra unha vez máis a neglixencia da autopsia inicial“, lamentou a familia.

Así mesmo, confirmaron que, na inspección dun vehículo que pertenceu ao exmozo de Déborah, realizada o pasado mes de setembro, foron achadas “gran cantidade de mostras biolóxicas humanas e de animais”, o que “choca frontalmente” cos resultados da inspección de 2010, na que non se atopou “absolutamente nada” porque se fixo “unha limpeza exhaustiva” dese coche.

Finalmente, tamén lembraron que outra das probas, a análise do computador de Déborah, puxo de manifesto que o disco duro do aparello foi “manipulado”, aínda que a familia segue pendente do informe definitivo, que os peritos presentarán en próximas datas.

COMPARECENCIA DO ÚNICO INVESTIGADO

Os resultados do Instituto Nacional de Toxicoloxía déronse a coñecer en vésperas da declaración do único investigado pola desaparición e morte da moza viguesa, a súa exparella, que comparecerá este venres no xulgado de instrución número 2 de Tui. A citación como investigado de quen a policía chegou a apuntar como principal sospeitoso prodúcese ás portas de que o caso prescibise (en maio deste ano), aínda que esa citación paralizou os prazos.

Este home foi citado inicialmente para o 21 de febreiro, despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra estimase un recurso da familia de Déborah contra a negativa do xulgado de instrución a chamalo a declarar. Finalmente, a petición do propio letrado do investigado, a súa comparecencia quedou posposta para este 11 de marzo cando, por primeira vez, esta persoa comparecerá ante un tribunal en relación con este crime.

ÚLTIMAS

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...