InicioMedio Ambiente e PatrimonioDrons para salvar unha das últimas especies de cabalos salvaxes

Drons para salvar unha das últimas especies de cabalos salvaxes

A UVigo busca estudar os efectos na redución da biomasa forestal dunha das últimas especies de cabalos salvaxes en Europa.

PUBLICADO O

- Advertisement -

 O grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo iniciou en 2015 unha liña de traballo centrada no estudo e na conservación do cabalo galego de monte, unha raza autóctona de Galicia e unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen actualmente en Europa.

Agora, na segunda fase deste traballo, estudarase o uso de novas tecnoloxías como os drons (vehículos non tripulados) para estudar novas metodoloxías de inventariado e os efectos desta especie na redución da biomasa forestal, informa Eduardo Muñiz, da UVigo.

Esta liña de traballo desenvolverase xunto co grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co obxectivo de realizar actuacións específicas para a conservación da especie súmase pero tamén de crear a primeira entidade específica de custodia desta especie.

“O que tentamos buscar é que esta especie, absolutamente singular de Galicia, se conserve e se manteña ao longo do tempo”, salientou o responsable do grupo AF-4 e investigador principal do proxecto, Enrique Valero, na presentación desta investigación, na que estivo acompañado pola investigadora do grupo AF-4 Xana Álvarez, o integrante do grupo Sepcom Oswaldo García e o representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas (Fornelos de Montes), Raimundo Domínguez.

Trátase, como salientou Valero, dunha especie de cabalo salvaxe, a única existente en Europa occidental xunto coas presentes no norte de Portugal e en Asturias, cunha incidencia positiva sobre a redución de biomasa forestal como o toxo nos montes, cuxa acumulación “é un perigo para a propagación dos incendios forestais”, así como na “conservación de biodivesidade”, xa que contribúe tanto ao mantemento de “hábitats declarados prioritarios pola Unión Europea” como a conservación de especies como o lobo.

COMPARAR POBOACIÓNS DO NORTE E SUR

Dando continuidade á primeira fase do proxecto, sucedida á súa vez pola creación dun grupo operativo coa Asociación Agraria Galega que permitiu o desenvolvemento de medidas específicas de conservación, este novo estudo buscará por unha banda “comparar as poboacións” de cabalos salvaxes do sur e do norte de Galicia “e ver as singularidades que teñen en cada caso”, incorporando ás areas de estudo na provincia de Pontevedra a serra do Xistral.

Outra das novidades desta segunda fase será o uso de drons como posible ferramenta coa que acometer os traballos de inventariado desta especie, así como para avaliar “a incidencia positiva que teñen estes cabalos na acumulación de biomasa”, estudando canto e como contribúen a súa redución ao longo do ano a través da xeración de modelos volumétricos. Trátase duns traballos que, coa colaboración da empresa Xeométrica, levaranse a cabo nunha parcela piloto nos montes que xestiona a CMVCM de Estacas.

Montes nos que no ano 1985 vivían en torno a 300 cabalos e nos que hoxe quedan “25 ou 30”, segundo lembrou Raimundo González, quen salientou a importancia deste proxecto, “non só pola conservación dunha raza autóctona que é tamén o bombeiro do monte”, senón para a propia supervivencia “do monte e do rural galego”.

ENTIDADE DE CUSTODIA

Tamén seguindo a liña de traballo aberta na primeira fase, o proxecto busca promover a conservación do cabalo e dos seus hábitats a través de “acordos de custodia do territorio”, como os xa impulsados na primeira fase, unha serie de compromisos de carácter voluntario dirixidos a que comunidades de montes, concellos ou outros axentes implicados velen pola conservación do cabalo na súa xestión e actividade diaria.

De feito, un dos obxectivos deste proxecto, anunciou Álvarez, e intentar crear “unha entidade específica de custodia do territorio” para esta especie, a través da que se renovarían os acordos de custodia xa asinados e se asinarán os que vaian xurdindo.

A incorporación do grupo Sepcom ao proxecto permitirá, por outra banda, pór o acento noutro dos obxectivos do proxecto como é a “divulgación e a sensibilización da sociedade galega” respecto da importancia desta especie e o seu papel cultural, patrimonial e ecolóxico, salientou Valero. Nese senso, Oswaldo García incidiu en que se trata “dun proxecto cun gran potencial en termos de chegar a un público ao que normalmente non chega o traballo dos investigadores”.

Para logralo, Sepcom encargarase da realización de “contidos audiovisuais periódicos que vaian da man da propia investigación”, xunto cunha análise do impacto de cada unha das pezas que integren esa “campaña dixital”. A estes contidos sumarase a difusión desta iniciativa a través das redes sociais e o uso da “información volumétrica en tres dimensións” que xeren os drones para poder “ofrecer ao público” unha serie de contidos nos que “poida elixir cando e como quere velos”.

ÚLTIMAS

A Xunta outorga ao Concello de Vigo unha concesión de ocupación para a recuperación ambiental da praia de Ou Vao

A Xunta outorgou ao Concello de Vigo unha concesión para ocupar 20.978,11 metros cadrados...

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...

Afectados polo PIA do Ofimático de Vigo piden á Xunta que paralice a “trampa” das expropiacións

Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo...