InicioCulturaO Festival de Cans volverá á primavera en 2022 e celebrarase do...

O Festival de Cans volverá á primavera en 2022 e celebrarase do 18 ao 21 de maio

A organización, que abrirá en próximos días a recepción de traballos, traballa con "marxe" en función da situación sanitaria.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A XIX edición do Festival de Cans, no Porriño, regresará en 2022 ás súas datas habituais de primavera e terá lugar entre o mércores 18 e o sábado 21 de maio, de modo que volverá coincidir en datas co Festival de Cannes francés, como xa é tradición.

Así o decidiu a Asociación Cultural Ansia, organizadora do certame, e así llo foi xa anticipando nos últimos días aos veciños que prestan as súas casas e galpóns, ademais da as principais institucións que apoian o evento, como o Concello do Porriño, a Deputación de Pontevedra, a Xunta e o Ministerio de Cultura e Deporte.

Deste xeito, a organización xa traballou nas últimas semanas nos contidos e no deseño da que será a XIX edición, que seguirá inicialmente as liñas das dúas últimas, dando maior relevancia ás proxeccións de cinema, ás actividades, aos encontros e coloquios e ás actividades diúrnas, pero sen renunciar ás actuacións musicais.

En 2020 e 2021, o Festival de Cans trasladouse ao mes de setembro ao verse condicionado polas circunstancias da pandemia, pero agora a organización traballa “coa máxima prudencia” e a experiencia adquirida durante esta crise levará a ter “marxe para tomar decisións en cada momento”, en función do que determinen as autoridades sanitarias. Ademais, o certame avanza que nos próximos días abrirase o prazo de envío de curtametraxes e obras a concurso.

BALANCE DE 2021

A organización do Festival de Cans fai un balance “moi positivo” da edición de 2021, que alcanzou a cifra de 7.500 espectadores. De todos eles, uns 6.000 foron de maneira presencial á parroquia porriñesa, mentres que outros 1.500 seguiron o evento virtualmente, unha vía que se “seguirá potenciando” en 2022.

Ademais, o Festival realizou o pasado ano 121 contratacións laborais e adxudicou servizos a case 50 empresas locais, ademais de contratar directamente 140 habitacións a diferentes establecementos hoteleiros.

Outra das actividades que o Festival impulsou neste 2021 foi o ciclo ‘Cinemaldea’, que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias do Porriño e conseguiu que asistisen a estas proxeccións un total de 250 persoas.

ÚLTIMAS

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...

A Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado de acosar con insultos homófobos a un traballador en Vigo

Un home de 39 anos enfróntase a unha petición fiscal de ano e medio...

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Tres mergulladores denunciados en Vigo por capturar polbo de talla inferior e extraer case seis quilos de bivalvos

A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades...