InicioVigo e contornaVigoO BNG cualifica de "estafa" os orzamentos da Xunta para Vigo

O BNG cualifica de “estafa” os orzamentos da Xunta para Vigo

Reclama case 100 millóns de euros máis para, entre outras partidas, "rescatar" o Álvaro Cunqueiro.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo parlamentario do BNG demanda un aumento dos investimentos en Vigo por 94 millóns de euros, nas súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2022, unhas contas que cualificaron de “estafa” para Galicia e para a cidade olívica. Nunha rolda de prensa, a deputada nacionalista, Carmela González, denunciou que a Xunta prevé “cero euros” para industria e emprego na cidade de Vigo, a pesar da crise que afecta a sectores como o naval ou a automoción, e a perda de 6.100 empregos neste ámbito con respecto a 2019.

Por iso, o BNG propón destinar 20 millóns de euros a elaborar un Plan Comarcal de Reindustrialización, outro millón para un Centro Metropolitano para o impulso tecnolóxico, ou 10 millóns de euros para o Centro de Reparación Naval. No ámbito sanitario, os nacionalistas piden unha partida de 37,7 millóns para “rescatar” o hospital Álvaro Cunqueiro, e 500.000 euros para iniciar o proceso de “absorción” do Hospital Povisa na rede pública do Sergas, entre outras propostas.

“Hai que cambiar as políticas de austericidio”, reclamou, pola súa banda, a deputada Alexandra Fernández, quen lamentou que as contas presentadas pola Xunta para o ano que vén prexudican aos servizos públicos, en especial á sanidade, cuxos profesionais están “esgotados”.

Tamén denunciou a ausencia de aposta polas políticas sociais ou pola cultura, e explicou que, entre outras partidas, o BNG reclama 1,7 millóns para construír un IES en Navia, un millón para mellorar infraestruturas e equipamentos de colexios, ou 300.000 euros para aumentar o financiamento de comedores escolares.

Con respecto ás infraestruturas, a deputada nacionalista sinalou que a Xunta debe prover 3 millóns para o túnel de Julián Estévez, destinar 1,5 millóns para prolongar o túnel de Beiramar, mellorar o transporte metropolitano, ou facer un estudo para implatar o tren de proximidade entre Vigo e Pontevedra, e Vigo e Tui.

Mentres, o concelleiro do BNG no Concello de Vigo Xabier Pérez Igrexas, recalcou que “estes orzamentos son inxustos” porque insisten na “política de total abandono” contra Vigo, e son “inútiles” porque non responden o contexto de crise social, laboral, produtiva e comercial que afecta á cidade.

ÚLTIMAS

Os empresarios de Mos alertan dun “golpe irreparable” á economía polo trazado da nova A-52

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) trasladou este martes a súa "máxima preocupación"...

Investigadores da Universidade de Vigo desenvolven un sistema con IA que predí a calidade do aire en 3D

Investigadores do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e...

A concelleira de Seguridade de Vigo declara como investigada polo accidente mortal do Saltamontes: “Dei as oportunas aclaracións”

A concelleira de Seguridade do Concello de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño, compareceu este martes...

Ferida unha muller tras producirse un desprendemento de terra no paseo de Bouzas, en Vigo

Unha muller resultou ferida na mañá deste martes tras producirse un desprendemento de terra...