InicioSociedadeTraballadores de Vitrasa en folga instan o alcalde: "Algo terá que dicir...

Traballadores de Vitrasa en folga instan o alcalde: “Algo terá que dicir se dan 13 millóns ao ano á empresa”

Os paros dA fin de semana converteranse en folga indefinida de luns a venres a partir do 13 de decembro se non hai solución.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os traballadores de Vitrasa, empresa que presta en Vigo o servizo de transporte de bus urbano, concentráronse este venres ante o Concello e ante a pinacoteca Fernández del Riego (onde estaba prevista unha visita de Abel Caballero, que finalmente non se produciu), para esixir a intervención do alcalde no conflito que lles levou a convocar unha folga desde o pasado 20 de novembro, con paros as fins de semana, e que se converterá en folga indefinida de luns a venres a partir do 13 de decembro.

O presidente do comité, Imanol Arnoso (CIG), explicou en declaracións aos medios que a concentración deste venres ten como finalidade reclamar ao goberno local e ao rexedor que se sitúen e intermedien ante a empresa que, segundo denunciou, leva un ano sen vontade de negociar e atender as súas demandas.

“Levamos un ano tentando negociar un convenio, e a empresa négase desde o minuto cero. O Concello ten algo de responsabilidade, se lle dan cada ano máis de 13 millóns á concesionaria, e este ano outros 6 millóns máis polas perdas derivadas da pandemia de Covid. Con estas cifras millonarias, o alcalde terá algo que dicir da política laboral da empresa”, proclamou.

Arnoso explicou que, aínda que inicialmente o persoal puxo sobre a mesa reclamacións económicas, ante o bloqueo da empresa, que alega que está en situación de perdas, optaron por “aparcar” esas demandas e centrarse noutras do ámbito social, como a regulación dos descansos, a redución da xornada, a revisión dos tempos das rutas, etc. Aínda así, lamentou, non avanzaron nada.

Respecto diso, lembrou que, se non hai unha solución nos próximos días, a folga farase indefinida, de luns a venres, a partir do 13 de decembro, polo que volveu a apelar ao “apoio” do alcalde. “Que lle dea un toque á empresa, que está moi a gusto nesta situación”, demandou.

CONCENTRACIÓN ANTE A PINACOTECA

Varias decenas de traballadores de Vitrasa concentráronse sobre as 11,00 horas na Praza do Rei, ante o Concello olívico, para reclamar a intervención do goberno municipal no conflito, coreando consignas como “Menos luces e máis autobuses”, e vixiados de preto por varias unidades antidisturbios da Policía Nacional.

Ante a previsión de que, a esa hora, o alcalde estaría na Pinacoteca Fernández del Riego, a poucos metros do consistorio, os folguistas desprazáronse ata alí e reuníronse fronte á porta deste centro cultural, onde ‘cantaron’ mensaxes como “Abel que pasa? Enfróntate a Vitrasa” ou “Abel reacciona, Vitrasa non funciona”. Finalmente, o rexedor non acudiu á Pinacoteca e os traballadores volveron en manifestación á Praza do Rei, escoltados pola Policía.

Na protesta participaron os concelleiros Rubén Pérez (Marea de Vigo) e Xabier Pérez Igrexas (BNG). O portavoz de Marea apuntou que o grupo Avanza, e especialmente desde que houbo cambios na propiedade, “está a degradar as condicións laborais dos seus traballadores ata rozar a ilegalidade”, e urxiu ao goberno local a abrir un expediente informativo para comprobar se a empresa vulnera os dereitos do persoal e, no seu caso, sancionala.

Pola súa banda, o concelleiro nacionalista lamentou que Abel Caballero e o seu goberno “ponse sistematicamente de lado” cando se trata das concesionarias, e criticou que o rexedor se negue a falar co persoal de Vitrasa, “el que tanto presume de falar con todo o mundo”. “Agora que os traballadores están mobilizados, opta por esconderse”, constatou, e cualificou de “incomprensible” a súa actitude de “pasteleo” coa empresa.

ÚLTIMAS

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...