A Xunta incorporou unha sobreira localizada en Redondela ao Catálogo galego de árbores singulares polos seus valores culturais e a súa excepcionalidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes unha resolución pola que este exemplar se integran neste rexistro público no que figuran árbores e formacións que merecen unha protección especial polas súas características singulares, segundo detalla a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
En concreto, a sobreira atópase no Monte da Peneda, en Redondela, e é unha árbore de 20 metros de altura da familia das fagáceas. Presenta unha copa irregular e escura, que é característica da rexión mediterránea e, por tanto, pouco abundante en Galicia. Este exemplar de grandes dimensións conta cun tronco moi groso que comeza a ramificarse a pouca altura. Así, as ramas divídense ata formar unha copa de grandes dimensións, redondeada e aberta. Os efectos da idade, a exposición aos ventos mariños cargados de salinidade e o chan moi compacto maniféstase na sequedade.
A inclusión desta sobreira no catálogo tivo en conta os seus valores culturais, xa que se atopa na fachada posterior da actual Ermida da Peneda. Anteriormente, nesa zona asentáronse, entre outros, un antigo castro e o Castelo de Castrizán, construído en 1477 polo arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, coa principal función de vixiar a Pedro Madruga, que habitaba no veciño castelo de Soutomaior e non era partidario dos Reis Católicos. Á ermida accédese mediante un túnel de arco de medio punto e bóveda de canón que se atopa nunha muralla reformada no século XIX e que lembra outras entradas de castelos.