InicioEconomíaVialia-Estación de Vigo abre as súas portas con 120 locais comerciais e...

Vialia-Estación de Vigo abre as súas portas con 120 locais comerciais e unha estimación de 2 millóns de viaxeiros anuais

"É un dos días máis felices da miña vida, e o máis feliz da miña vida política", di Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O centro comercial Vialia-Estación de Vigo celebrou este mércores a ‘posta de longo’ da súa inauguración, tan só unhas horas antes da súa apertura ao público, cun acto no que participaron, entre outros, a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera; o alcalde da cidade, Abel Caballero, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Este macrocomplexo, de máis de 125.000 metros cadrados de superficie, destina a uso comercial 42.000 metros cadrados e conta con 120 locais (practicamente todos ocupados) e marcas como Primark, Fnac, Alcampo, Adidas, H&M, Juguettos, Polinesia, ou Sprinter. Así mesmo, a oferta gastronómica é variada (Mc Donalds, Vips, Taco Bell, KFC, Gino’s, ou Foster’s Hollywood), e compleméntase con cinemas, parques infantís, unha gran praza de 30.000 metros cadrados e espazos de lecer para todas as idades.

No acto de inauguración, a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, puxo en valor o “enorme poder de rexeneración urbana” de todo o complexo, deseñado polo arquitecto Thom Mayne, e vaticinou que será “un referente a escala nacional e internacional” no que respecta á “nova mobilidade”.

Así mesmo, expresou o seu desexo de que a estación sexa un “exemplo de renacer para o tranporte”, en concreto para o ferroviario, e lembrou que o Goberno de España mantén o seu compromiso coa chegada do AVE a Galicia, saldando “unha débeda histórica”.

Desde o punto de vista comercial, Pardo de Vera sinalou que esta estación de Vigo-Urzáiz terá, de aquí a 2025, unha demanda potencial de 2,1 millóns de viaxeiros ao ano e que, a partir do terceiro ano desde a súa posta en marcha, o complexo estima recibir uns 10 millóns de visitantes anuais.

A secretaria de Estado tamén destacou as actuacións que complementan a posta en marcha da nova estación viguesa, como a construción da terminal de buses (por parte da Xunta) integrada no mesmo complexo, os novos accesos e conexión coa autoestrada AP-9 , ou a rexeneración da contorna por parte do Concello con novos espazos de goce cidadán e unha Vía Verde que revaloriza o antigo trazado ferroviario en superficie.

“MOSTRA DE COLABORACIÓN INSTITUCIONAL”

Pola súa banda, a conselleira Ethel Vázquez, incidiu en que este gran complexo intermodal é “mostra da colaboración institucional” entre diferentes administracións, e salientou que só grazas ao “entendemento” se puido construír esta infraestrutura.

A titular autonómica de Infraestruturas e Mobilidade sinalou o ano 2016 como data clave para o éxito do proxecto, xa que entón tanto a Xunta, como o Concello e o Goberno central puxéronse de acordo na necesidade de “buscar saída á encrucillada” provocada pola anulación do Plan Xeral de Vigo. Esa saída foi a lei autonómica 3/2016, “que fixo posible o desenvolvemento urbanístico” deste complexo.

Ethel Vázquez tamén recalcou que a inauguración do Centro Comercial Vialia-Estación de Vigo non debe ser o punto final, porque a terminal debe ter a saída sur para conectar o eixo atlántico con Lisboa. “O traballo non acabou”, lembrou.

“O DÍA MÁIS FELIZ DA MIÑA VIDA POLÍTICA”

Mentres, un pletórico Abel Caballero celebrou a inauguración deste complexo, que definiu como “unha catedral-estación do AVE”. “É un dos días máis felices da miña vida, e o máis feliz da miña vida política. Conseguimos algo importantísimo para a cidade”, proclamou.

Respecto diso, evitou lembrar “momentos tristes” nos que gobernos do PP, na súa opinión, “non querían” que Vigo contase con este complexo intermodal. “Hoxe temos unha grandiosa estación, unha das estacións de ferrocarril máis importantes de Europa“, afirmou.

O rexedor tamén fixo referencia ás conexións ferroviarias da cidade, e reiterou que a saída sur da estación farase grazas ao actual Executivo, e a pesar de que “algúns llo negaron a Vigo”. Do mesmo xeito, insistiu en que o Goberno de Sánchez facilitou “o apoio e os estudos” para que haxa AVE directo de Vigo a Madrid por Cerdedo.

Finalmente, Caballero recalcou que o Centro Comercial Vialia-Estación de Vigo será “un proxecto tractor que tirará da economía da cidade e de todo o pequeno e mediano comercio”. “E máis pronto que tarde chegará o Nadal, e teremos a maior aglomeración de persoas que nunca houbo en Vigo. Van vir millóns”, concluíu.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...