O comité de empresa da planta de Faurecia Interior Systems do Porriño convocou folga indefinida a partir deste mércores como medida de protesta pola venda da factoría a un fondo alemán e pola “pretensión” da empresa de non pagar contías salariais pactadas no convenio, que se negociou durante dous anos e quedou pendente de asinar.
Os traballadores desta empresa de compoñentes de automoción acordaron en asemblea convocar esta folga, cun 94 % de apoio, segundo comunicou o sindicato CC.OO., que explicou que esta medida de presión ten a súa razón fundamental na venda da planta ao fondo alemán Callista Private Equity, “de costas á representación legal” do persoal.
O comité defendeu a viabilidade da planta porriñesa e esixiu que os novos propietarios “garantan a totalidade do emprego”.
Por outra banda, sinalou que outra das razóns da folga é o convenio colectivo, que “leva negociando dous anos e só estaba pendente de asinar”. Respecto diso, os representantes dos traballadores denunciaron que a dirección da planta, ademais de “vender” a fábrica e o persoal, tamén “pretende” non pagar os incrementos salariais pactados nin as diferenzas económicas polos atrasos xerados nestes anos.