A Universidade de Vigo (UVigo) participa nun proxecto europeo que busca loitar contra o crime e o terrorismo na rede mediante a utilización de intelixencia artificial.
Deste xeito, aspírase prestar axuda á Policía na detección de comunicacións escondidas en contidos multimedia, segundo explicou a universidade, que é socia do proxecto, denominado ‘Uncover, Development of an efficient steganalysis framework for uncovering hidden data in digital media’.
Así, facilitarase ás distintas axencias europeas de seguridade a detección de información oculta en datos de aparencia inocente, como imaxes, vídeos, audios e arquivos de texto enviados en contornas dixitais.
Para iso, os participantes na iniciativa impulsan a investigación nunha técnica de ocultación de información en arquivos multimedia dixitais de aparencia inocente coñecida como estenografía. O obxectivo é incrementar a autonomía tecnolóxica das axencias de seguridade en relación á detección deste contido.
O traballo foi posto en marcha o 1 de maio e desenvolverase durante 36 meses nos que contará coa participación da policía de Países Baixos, o Ministerio de Interior de Francia e a Oficina Nacional de Investigación de Finlandia. No caso da UVigo, un equipo composto polos docentes Fernando Pérez e Pedro Comesaña e os investigadores David Vázquez e Elena Rodríguez presta a súa contribución.
O proxecto está financiado pola Comisión Europea con 6,9 millóns de euros no marco do programa Horizonte 2020 e está coordinado pola Real Academia Militar de Bruxelas. Así, supón a colaboración dun consorcio conformado por 22 socios de nove países que inclúen ás principais axencias europeas de seguridade, institutos forenses, investigadores de oito universidades e institutos de investigación e varias empresas.