InicioPolíticaO goberno vigués queda só na petición á Xunta do triplo de...

O goberno vigués queda só na petición á Xunta do triplo de asignación que ten Santiago como capital

López-Font declara que Vigo "contribúe de forma decisiva ao desenvolvemento de Galicia".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo aprobou este mércores en solitario unha moción para instar á Xunta a destinar á cidade olívica, polo seu volume de poboación, o triplo da cantidade que asigna a Santiago en concepto de capitalidade, unha iniactiva que contou co voto contrario de todos os grupos da oposición (PP, Marea e BNG), que ven ese debate “ridículo”.

O portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, foi o encargado de defender unha moción para que reclamar para Vigo “o que lexitimamente lle corresponde” pola súa poboación, o triplo que a de Santiago de Compostela, e precisou que non se trata dunha proposta “contra ninguén”, senón para “reivindicar igualdade de trato”.

Segundo proclamou, “a Vigo poderíanselle pór varios títulos de capital, como capital da pesca, do turismo ou do Nadal”, e “todo isto merece ser apoiado”, porque a cidade olívica “contribúe de forma decisiva ao desenvolvemento de Galicia”.

Con todo, denunciou, “lonxe de corresponder”, Feijóo ten un plan deseñado de agresión á cidade” e está “a esperar e á espreita de calquera desgraza, como ocorreu co Marisquiño ou cos incendios de 2017″, ou “paralizando” proxectos e obras.

DEBATE “RIDÍCULO”

Ante esta reclamación, o grupo municipal do PP atribuíu a posición do goberno local a un “complexo absurdo”, e criticou a idea de que Vigo necesite compararse con outras cidades para reivindicar as súas demandas. Así mesmo, afeou a Abel Caballero que xogue ao “trilerismo político”, “mesturando cuestións que non teñen que ver, como a capitalidade e o número de habitantes dunha cidade”.

A concelleira ‘popular’ Teresa Egerique lembrou tamén que o estatuto de capitalidade de Santiago foi resultado do consenso institucional, algo que “non lle interesa ao alcalde de Vigo”, e suxeriu ao rexedor olívico que “debata” esta cuestión co seu homólogo de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, tamén socialista.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, denunciou que o goberno de Vigo “eleva a política a un ridiculismo denigrante” e apuntou que ser capital de Galicia “ten uns custos” que “apenas se cobren”. “Non queremos entrar neste mercadeo de ignorancia”, proclamou.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que o grupo parlamentario socialista na cámara galega foi o que pediu que Santiago aumentase ata 5 millóns o que recibe en concepto de capitalidade e sinalou que o PSdeG, sobre esta cuestión, parece ter “un problema interno”.

En todo caso, criticou que a moción do grupo de goberno local destila un “discurso empobrecido e unha visión medieval” de Vigo, cun concepto de “cidade-estado” pechada.

ÚLTIMAS

Empregados de Vitrasa denuncian a “imposibilidade” de cumprir os “obsoletos” horarios que xeran “atrasos” en buses, especialmente durante o Nadal

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou...

Abel Caballero di que Vigo “arrastrará” a Xunta e deputación para que a cidade “sexa mundialista”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que Vigo será mundialista porque...

Carmela Silva (PSdeG) critica ao PP porque “nunca confiou nin axudou” a Vigo

A candidata do PSdeG ao Senado pola provincia de Pontevedra e primeira tenente de...

José Couñago encabezará a candidatura socialista á Alcaldía de Mos nas eleccións locais de 2027

José Couñago encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Mos nas próximas eleccións...