InicioCultura"Vigo foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional de Xela Arias"

“Vigo foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional de Xela Arias”

A RAG celebra en Vigo a vida do poeta Xela Arias e reivindica a activación do uso do idioma.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Real Academia Galega (RAG) celebrou este luns unha sesión plenaria extraordinaria con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2021 a Xela Arias, no que se puxo en valor a pertenza do poeta a unha xeración “enerxética e ilusionante”, así como “a significación” da familia na súa vida.

O presidente da RAG Víctor F. Freixanes manifestou que, no marco das actividades que están a realizar este ano polas Letras Galegas, escolleron Vigo para celebrar o acto grande porque esta cidade “foi o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a maior parte da súa vida“.

Acto seguido, reivindicou que a xornada deste 17 de maio “é moito máis que unha xornada festiva“, é unha ocasión para reivindicar a activación do uso da lingua galega “non só na vida litúrxica, senón na vida”, ante o que remarcou que ten especial relevancia o traballo que se realice “coas novas xeracións“.

O evento arrincou cunha actuación musical de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carreira, a partir dun dos textos da homenaxeada. Tras iso, a secretaria da RAG, Margarita Ledo, leu o acordo do plenario no que se determinou que o Día das Letras Galegas de 2021 se dedicaría a Xela Arias Castaño.

A OBRA DE XELA ARIAS

Durante o acto interveu Ana Romaní, académica numeraria da RAG, quen comezou a súa intervención cos versos que Xela Arias dedicou a Rosalía de Castro. Tras iso, apuntou que “é o poema o lugar no que Xela Arias funda o seu autogoberno, unha poética esculpida na ardua procura da independencia”.

A continuación engadiu que os textos da homenaxeada “acentúan a perspectiva crítica e solidaria dunha obra que constrúe desde o inconformismo e na filiación colectiva de formar parte”. “Xela Arias materializa, na súa voz, a independencia e a liberdade como actos fundamentais da condición poética e da existencia; o seu é o idioma da xustiza social”, resolveu.

Pola súa banda, a académica Marilar Aleixandre, empezou o seu discurso sinalando que é “moi emocionante falar de Xela e falar en Vigo”. “Onde eu me fixen galega”, comentou. Acto seguido, remarcou que, de acordo coa homenaxeada, un poema “cando é de verdade hai sangue, hai auga“.

Así, profundou na identificación que realizou Xela Arias cos animais e a súa relación coa perspectiva feminista. Neste marco, propuxo “outros trazos nesa identificación”, que pasan por recoñecerse “como parte dun colectivo, dunha liñaxe”; así como “a rebeldía fronte ás expectativas sociais para as mulleres e para os animais non humanos”.

Acto seguido, o tamén académico Manuel Rivas, puxo en valor en primeiro lugar que “Vigo hoxe é o corazón de Galicia”, tras o que incidiu en que “Xela Arias escribe en galego nas coordenadas da verdade, a súa escrita é unha loita polo rescate das palabras”. “A de Xela Arias é unha soidade compartida, ao ler a Xela sentimos que nos achegamos a nós mesmos”, apuntou.

Desta forma, reflexionou que Xela Arias asumiu “as tres rebeldías”: nacer muller, de clase baixa e nunha nación oprimida. “Asumiu o tres rebeldías, entrelazounas nunha mesma tarefa emancipadora. Pero hai que falar dunha cuarta rebeldía. Unha soidade solidaria, unha soidade eficaz”, rematou.

ÚLTIMAS

Tenta tirar pola xanela á súa parella tras unha discusión nun piso da rúa Pazo

Axentes da Policía Local detiveron a un veciño da cidade, M.F.C., de 41 anos, como presunto...

Queres saber como é a nova torre de control dixital de Peinador?

Trece monitores de 55 polgadas cada un que recollen as imaxes captadas por máis...

O conselleiro de Sanidade sobre a próxima entrada en vigor do novo contrato de Povisa: “Ninguén vai obrigado”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril --o...

O pleno do Concello de Vigo reclama a consideración de ‘nodal’ para o porto da cidade

O pleno do Concello de Vigo aprobou este xoves en sesión extraordinaria reclamar ao...