InicioSociedadeO Marisquiño limitarase a campionatos internacionais e terá 3 espazos burbulla

O Marisquiño limitarase a campionatos internacionais e terá 3 espazos burbulla

A Administración galega destina ao festival 200.000 euros para reforzar o seu "compromiso", o que Abel Caballero tacha de "migallas".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta asinou un convenio de colaboración co festival de cultura e deporte urbano O Marisquiño, que, debido á situación sanitaria, na súa edición deste ano centrarase en cumprir co calendario dos campionatos do mundo, para o que se situará en tres espazos burbulla na contorna da zona portuaria de Vigo, e en potenciar a súa emisión en liña.

Durante o acto de firma do convenio celebrado en Vigo, o director do festival, Carlos ‘Pity’ Domínguez, remarcou que para a celebración deste ano dedicarán “un 30 por cento máis do orzamento” á emisión en liña e “para ter unha maior visibilidade internacional”. Así, considerou que ao ser este “un ano con poucos eventos internacionais”, O Marisquiño “sairá reforzado”.

Neste contexto, indicou que a actividade se limitará a tres espazos burbulla: no peirao de Transatlánticos para as probas de skate; na Praza da Estrela para o campionato de ‘basket 3×3’ e para break dance; e encima do parking fronte ao Club Náutico, para a proba de BMX, que “por primeira vez será parte do campionato do mundo da Unión Ciclista Internacional”.

No entanto, comentou que este ano o evento non contará con “programación musical como noutras ocasións”. “Temos que ser moi responsables en canto ás medidas sanitarias e de seguridade”, manifestou, antes de lembrar que o seu equipo de seguridade recibiu unha Mención Honorífica polo labor realizado tras o accidente ocorrido en 2018 durante a celebración do evento.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, referendou o “compromiso” do Goberno autonómico coa organización do Marisquiño a través deste convenio e puxo en valor “o esforzo das administracións por reter aquí algo que noutro sitio sería outro tipo de evento”. O festival “ten as súas raíces aquí”, insistiu.

Nesta liña, mantivo que “valía a pena facer este esforzo”, tras o que indicou que espera que “de aquí a agosto” as restricións sanitarias pola covid-19 permitan que o evento deste ano “se pareza máis ao de 2019”. En todo caso, ofreceu a colaboración da Xunta para darlles o “asesoramento e coordinación” necesarios para adaptarse ás circunstancias sanitarias.

A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, destina ao festival 200.000 euros, o que supón un “aumento do 70 por cento” na súa achega respecto da anterior edición. Trátase dun “esforzo” que foi agradecido polo director do evento, quen trasladou o seu compromiso a “seguir situando esta zona a nivel internacional”.

“COMPROMISO” DA XUNTA

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, remarcou que, tras ter coñecemento da intención do Marisquio de abandonar Vigo “polas rebaixas nas achegas do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra”, a Xunta reaccionou “inmediatamente” e aumento “un 70 por cento” a súa contribución.

Así, destacou que a firma deste convenio supón “cumprir cun compromiso máis da Xunta con Vigo”. “Conseguimos que quedase en Vigo”, subliñou, engadindo que esperan que haxa “unha continuidade” para que o evento se manteña na cidade.

“MIGALLAS”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse á axuda que a Xunta proporcionará á organización do Marisquiño para a súa celebración este ano, que cifrou en 160.000 euros e que cualificou como “migallas”. Así, tras lembrar que Concello e Deputación de Pontevedra achegarán medio millón de euros para o festival, denunciou que “se fose pola Xunta, O Marisquiño non se celebraría”.

A ese respecto, o rexedor olívico recalcou que, “con 160.000 euros non lles chega nin para empezar”, e denunciou a “cara dura” dos mandatarios do Goberno autonómico. “Dedícanlle as migallas (ao festival) e aínda presumen”, criticou.

ÚLTIMAS

Entra en prisión provisional o detido pola agresión sexual a un menor nos baños do Vialia

A xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, en funcións de garda,...

Evacúan en helicóptero unha muller que visitaba as Illas Cíes tras sufrir un grave problema de saúde

Unha muller de 56 anos e nacionalidade portuguesa foi evacuada este sábado en helicóptero das Illas Cíes,...

A conselleira do Mar destaca o papel do Cetmar na innovación mariña e a sustentabilidade do sector pesqueiro

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou esta semana na reunión do Padroado do Centro Tecnolóxico...

O Hospital Álvaro Cunqueiro celebra dez anos como “referente” da sanidade pública galega, segundo Rueda

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conmemorou este venres o décimo aniversario da súa posta en funcionamento cun...