InicioSociedadeO xuíz denega a suspensión do desaloxo da Federación Veciñal de Vigo

O xuíz denega a suspensión do desaloxo da Federación Veciñal de Vigo

O xulgado considera que "está amplamente motivado" polo mal estado no que se atopa o edificio, co risco que iso supón.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Vigo ditou un auto polo que desestima un recurso interposto pola Federación de Asociacións Veciñais de Vigo (FAVEC), contra a decisión do goberno local de desaloxalos da súa sede nun edificio da Praza da Princesa.

Así, en decembro do ano pasado, o goberno local acordou suspender temporalmente (por 13 meses) a cesión do dereito de uso da segunda planta do edificio situado no número 7 da Praza da Princesa, onde tamén teñen a súa sede outras entidades, entre elas, a Oficina de Rehabilitación ou unha unidade de acción social municipal.

A Federación Veciñal acudiu aos tribunais para reclamar que se paralizase ese desaloxo polos “graves prexuízos de difícil ou imposible reparación” que tería para a entidade ou que, subsidiariamente, se lle busque un local alternativo para reacollerse.

O xulgado desestimou esta pretensión porque, por unha banda, o Concello non resolve o convenio que ten coa FAVEC desde 2005, senón que o suspende temporalmente e, por outro, a entidade veciñal está en situación de “debilidade xurídica” fronte á administración que lle cede o local.

A iso engade que a sede é un elemento de dominio público e “o desaloxo non é caprichoso, nin súbito, senón que está amplamente motivado”, e responde ao mal estado no que se atopa o edificio, co risco que iso supón.

Por outra banda, o maxistrado tamén sinala que se están tramitando os expedientes para a regulación da cesión de locais públicos a entidades como a Federación e que, segundo alega o propio consistorio, “en situación similar á interesada existen case un cento de solicitudes anteriores para que o Concello ceda locais de maneira gratuíta”.

En todo caso, no auto o xuíz expón que o Concello informou da súa oferta dun local no Casco Vello para a FAVEC (unha oficina que, segundo a entidade veciñal é un “zulo” sen apenas espazo no que non poden desenvolver o seu labor). Contra este auto cabe recurso de apelación no prazo de 15 días.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...