O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil de Ponteareas abriu dilixencias de investigación con respecto a un veciño da zona, de 60 anos de idade, por un suposto delito contra a fauna, tras sorprendelo cando manipulaba lazos que colocara nunha zona de monte para capturar xabarís.
A investigación iniciouse, en colaboración con axentes ambientais da Xunta, cando se tivo coñecemento de que se colocaron varios lazos atados a árbores e montados para capturar animais nunha zona de monte.
Os axentes inspeccionaron o lugar e comprobaron a existencia dos lazos, que estaban suxeitos a troncos de árbores impregnadas de gasoil ou algunha substancia similar para atraer os animais.
Durante os labores de vixilancia, sorprenderon o home manipulando estes lazos e procederon á súa identificación. Tratábase dun veciño da zona, de 60 anos de idade, que recoñeceu que colocara os lazos para evitar os danos que os animais provocaban nos seus cultivos.
Así mesmo, este veciño explicou que nin sequera aproveitaba a carne dos xabarís, senón que, unha vez capturados, deixábaos no mesmo lugar.
Por todo iso, informóuselle de que será investigado por un presunto delito relativo á protección da fauna.
As dilixencias instruídas foron remitidas ao xulgado de garda de Ponteareas, onde deberá comparecer o veciño investigado cando sexa requirido para iso.