InicioSucesosO detido polo crime de Chapela quería roubar á vítima e acabou...

O detido polo crime de Chapela quería roubar á vítima e acabou matándoo por sufocación

O cadáver tiña ademais a cabeza cuberta cun chaleco, un acto que, segundo Carlos Valcárcel, é un "sinal de arrepentimento".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O veciño de Chapela detido como presunto autor da morte dun home desa mesma parroquia de Redondela, cuxo cadáver apareceu atado de pés e mans a finais de xaneiro, actuou con intención de roubar á vítima, que era quen lle fornecía droga de forma habitual, pero acabou matándoo por sofocación, segundo sosteñen os investigadores.

Así o trasladou o comisario xefe de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, durante unha comparecencia ante os medios de comunicación para informar sobre esta investigación, e na que estivo acompañado pola comisaria provincial, Estíbaliz Palma, e por responsables de varios departamentos policiais (Homicidios, Policía Científica e Policía Xudicial).

Segundo explicou o comisario, o presunto autor do homicidio abalanzouse por detrás sobre a vítima, a quen coñecía por ser a persoa que lle fornecía droga regularmente, e tapoulle a boca e o nariz, polo que o home acabou falecendo por sofocación. Posteriormente, deixouno tombado no chan e atoulle con cinta as mans e os pés, ademais de usar a mesma cinta para taparlle a boca, antes de abandonar a vivenda e de pechar a porta coas chaves do falecido (que logo fixo desaparecer).

O cadáver tiña ademais a cabeza cuberta cun chaleco, un acto que, segundo Carlos Valcárcel, é un “sinal de arrepentimento”. “Non tiña intención de matalo, senón de roubarlle a droga e o diñeiro que puidese haber“, explicou o comisario.

Así, sobre o móbil do crime, sinalou que os investigadores cren que o sospeitoso acudiu a casa da vítima a pedirlle explicacións, convencido de que a droga que lle vendía estaba moi adulterada e que, con todo, a outros ‘clientes’ fornecíalles estupefacientes de máis calidade. “Foi ata a súa casa porque cría que lle estaba enganando, e tentou un ‘paleo’“, afirmou, en alusión ao que, en xerga policial, alude ao roubo de droga e diñeiro por parte dun cliente ao seu vendedor de droga.

SOSPEITOSO CON ANTECEDENTES

O home detido por estes feitos era, segundo a Policía, “unha persoa moi coñecida da vítima”, xa que era o seu “cliente asiduo” e é consumidor habitual de drogas. Así mesmo, confirmou o comisario, o presunto autor do homicidio ten antecedentes policiais por violencia de xénero, ameazas, roubo en interior de vehículo e tráfico de drogas.

No momento da detención, o sospeitoso mostrouse “colaborador” e mesmo admitiu o que fixera e que o encontro coa vítima “se lle había ido das mans”. Ademais, no rexistro da súa vivenda, os axentes atoparon unha cinta de características similares á utilizada para atar as pernas e mans do falecido.

A Policía descarta que haxa máis implicados no crime, aínda que segue pendente de facer algunhas dilixencias e coñecer o resultado dalgunhas análises, como o de ADN dun home non identificado e que foi localizado no escenario do crime.

INVESTIGACIÓN COMPLEXA

Carlos Valcárcel puxo en valor a “profesionalidade” dos axentes implicados nesta “investigación complexa”, e lembrou que tanto a vítima como o detido teñen vinculación co mundo do ‘trapicheo’ de drogas. Esa circunstancia dificultou as pescudas porque a Policía tivo que contactar cos compradores, que foron inicialmente remisos a colaborar por se poderían meterse nalgún problema por adquirir os estupefacientes.

Segundo sinalaron os axentes encargados da investigación, a vítima tomaba moitas precaucións nas transaccións da droga e unha das medidas que impuña aos seus ‘clientes’ era que chamasen antes de acudir ao seu domicilio.

Precisamente, o estudo do rexistro de chamadas do falecido permitiu localizar aos compradores e determinar que o agora detido fora a última persoa en contactar con el. De feito, ese último contacto produciuse o 27 de xaneiro, tres días antes de que fose localizado o cadáver no seu domicilio de Chapela.

FELICITACIÓN DO DELEGADO DO GOBERNO

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, tamén se sumou ao recoñecemento do labor policial neste caso e quixo “felicitar” á Policía Nacional.

A preguntas dos medios en Santiago este mércores, antes de participar nun congreso de UXT, o delegado do Goberno limitouse a mandar esta felicitación e a pór en valor que, grazas a ese traballo policial, chegouse a un “novo descubrimento dun delito”.

DEVOLVE UNHA CARTEIRA CON 5.000 EUROS

Un veciño da localidade pontevedresa de Moaña entregou á Policía Local de Vigo unha carteira que atopou sobre o teito dun turismo estacionado nun aparcadoiro, na que había máis de 5.000 euros.

Segundo informou a Policía Local, o pasado sábado un home de 36 anos atopou unha carteira de coiro sobre o teito dun turismo e, tras comprobar que contiña 5.520 euros, entregouna na Xefatura da Policía Local.

A partir das pescudas iniciadas, este martes foi localizado o propietario da carteira, un mozo de 31 anos, que leste mesmo mércores acudiu a dependencias policiais para recuperala.

ÚLTIMAS

A Policía Local localiza en Salceda un veciño do Porriño desaparecido desde o xoves

A Policía Local de Salceda de Caselas localizou na tarde deste venres a Vicente...

Conxemar reúne en Vigo expertos internacionais para abordar os retos da pesca antes da apertura da feira

Vigo converterase desde este luns nun dos puntos de encontro internacionais do sector pesqueiro...

Estudantes da UVigo levan ao espazo un experimento para probar cámaras e sensores de radiación

Estudantes da Universidade de Vigo integrados na asociación UVigo SpaceLab conseguiron poñer en órbita o experimento CORTIS, unha...

Unha explosión durante unha voadura nunha canteira do Porriño deixa catro traballadores feridos, un deles grave

Catro traballadores resultaron feridos, un deles de gravidade, nunha explosión rexistrada este venres nunha...