InicioMovementos SociaisAs grandes empresas utilizan Portugal para explotar traballadores a ambos lados da...

As grandes empresas utilizan Portugal para explotar traballadores a ambos lados da fronteira?

"A UE non é social, é a UE do capital, da acumulación de riqueza", denuncian desde a CIG.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Varios centos de delegados sindicais da CIG mobilizáronse este mércores en Ourense e Vigo como primeiro acto da campaña que a central vén de poñer en marcha para denunciar “as condicións laborais de sobreexplotación que padecen milleiros de traballadores transfronteirizos en Galiza e Portugal,principalmente no sur das provincias de Pontevedra e de Ourense, sobre todo nos sectores da construción, da automoción e no naval”.

Segundo denunciou o secretario xeral da CIG, as empresas “aproveitan a falta de regulación en materia laboral propiciada pola Unión Europea e a inacción da Xunta e da Inspección de Traballo para nutrirse de man de obra en condicións de precariedade próximas ao escravismo”.

A fronteira aprovéitase para aumentar a sobreexplotación, por iso é máis necesario ca nunca a defensa da clase traballadora de ambas as dúas beiras”, sosteñen dende a CIG.
Esta campaña prodúcese no contexto do recente protocolo de colaboración subscrito entre a CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, para “evitar que a desregulación en materia laboral favorecida pola Troika para aumentar o lucro das grandes transnacionais afonde na sobreexplotación de milleiros de traballadores”.

As prácticas que utilizan as empresas para maximizar os seus beneficios “fomentan o dumping social e agudizan o enfrontamento entre a clase traballadora dos distintos países”, aseguran, e engaden que“ a Inspección de Traballo e a Xunta son sabedores desta situación pero non actúan”.

Manifestación CIG/ CIG

Diante disto, a CIG vén de iniciar unha campaña de denuncia que comezou este mércores 7 con mobilizacións simultáneas en Ourense e Vigo. No caso de Ourense a manifestación arrincou ás 11:30 horas dende a sede da Inspección de Traballo e rematou diante do edificio da Xunta. En Vigo foi ao revés, a marcha partiu da delegación da Xunta e finalizou na Inspección.

A “verdadeira cara” da UE

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que interveu ao remate da manifestación de Ourense, explicou que con estas mobilizacións simultáneas iníciase a campaña de denuncia: “As empresas burlan as escasas leis e utilizan a fronteira para servirse de man de obra máis barata, impoñendo unhas condicións de precariedade que chega a niveis de escravización”, denunciou.

Ao mesmo tempo, lembrou que de xeito paralelo a este traslado de traballadores a un lado e outro da raia dáse unha cada vez maior deslocalización de empresas ao norte de Portugal.

“Nós o que queremos denunciar é a impunidade coa que actúan as empresas grazas a que as Administracións públicas -sexa o Ministerio de Traballo, a Inspección de Traballo ou a Xunta de Galiza- non fan absolutamente nada para rematar cunha situación que cada vez é máis grave xa que provoca o empobrecemento de milleiros de persoas”. destacou.

Segundo criticou, o que está a suceder con estes traballadores amosa a verdadeira cara da Unión Europea, “xa que como vemos non é nin social nin está preocupada por defender os intereses dos pobos que forman parte dela”.

Incidiu en que é máis ben ao contrario: “é a UE do capital, a da libre circulación de diñeiro, para que sobre a base de acumular máis riqueza se siga a sobreexplotar a milleiros e milleiros de persoas. Para iso fomentan políticas como as que aquí padecemos a través das reformas laborais de 2010 do PSOE e de 2012 do PP”.

No sector do transporte, a CIG afirma ter detectado “empresas do sur da provincia de Pontevedra que teñen a maior parte do seu cadro de persoal (algunhas incluso todo) integrado por traballadores portugueses que reciben infrasalarios (con diferenzas de até 9000 euros ao ano con respecto aos traballadores/as galegos/as) a cambio de xornadas laborais anuais que superan en 1000 horas a marcada en convenio“. Estas compañías pactarían con eles un soldo neto que non inclúe nin dietas por desprazamento nin plus de nocturnidade.

Incluso, “os que están sindicalizados e reclaman coa CIG o cumprimento da lexislación laboral son castigados con rotas máis curtas para que lles sexa inviábel economicamente desprazarse até o noso país a traballar e opten por abandonar o seu emprego”, denuncian.

A central tamén confirmou a existencia de Empresas de Traballo Temporal (ETT) portuguesas que nutren de persoal desta nacionalidade a empresas galegas, pero coas condicións laborais do seu país de orixe, que son máis precarias que as de aquí, producíndose o que se coñece como dumping social, que non é outra cousa que a
competencia desleal entre empresas baseada na explotación e nos baixos salarios para reducir os custes de produción e ofrecer uns prezos máis competitivos.

“Trátase dun fenómeno transversal que vai en aumento e que afecta a moitos sectores, entre eles ao da automoción”, subliñan dende a CIG. Neste sector daríase incluso o caso de que “estas empresas contratan traballadores galegos que traballan aquí pero coas condicións laborais de Portugal”.

No caso da industria da automóbil moitas empresas incumpren as directivas europeas en materia laboral e remuneran a estes traballadores non con salarios galegos, “senón que o fan segundo os convenios portugueses, que polo xeral son arredor dun 50% máis baixos que os do noso país”.

Ademais, as compañías do sector que teñen centros de traballo a ambos lados da fronteira aproveitarían esta circunstancia para evitar ter que converter a persoal eventual en indefinido.

A CIG ten detectado como “traballadores galegos con contrato de obra e servizo cunha duración máxima de tres anos son trasladados a Portugal unha vez rematado este período para non ter que facelos indefinidos. Unha vez alí aplícanselles as condicións laborais portuguesas, pero cando por necesidades produtivas volven a Galiza tras o ano obrigatorio en Portugal fano baixo esas mesmas condicións”.

A CIG tamén defende ter atopado nos últimos tempos “casos de sobreexplotación laboral nos estaleiros da Ría de Vigo, con xornadas de 12 horas diarias de luns a sábado
e sen que se lles abonen as horas extras, incumprindo o convenio provincial do Metal de Pontevedra”.

Traballadores
Traballadores do estaleiro diante do graffiti da porta /Miguel Nuñez

Na construción, subliñan, especialmente nas obras do AVE localizadas no sur da provincia de Ourense, “a presenza de operarios portugueses en condicións laborais de absoluta precariedade é habitual dende hai anos”.

E estes traballadores soportarían xornadas diarias de entre 12 e 14 horas cun único día de descanso á semana e non gozarían das vacacións reais, metendo festivos e días de convenio como vacacións.

ÚLTIMAS

O ‘stolpersteine’ de Jaime, asasinado en Mauthausen. Cando a memoria tropeza coa pedra da historia

O Concello de Nigrán colocou este xoves un 'Stolpersteine' en memoria de Jaime Martínez...

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...