A artesanía soporta un 21% de IVE e Olga Barros Gato, dona de O´Gato con Joyas (Rúa Méndez Núñez nº10, Vigo), e os seus compañeiros aguantan tamén a difícil competencia da produción industrial, en serie.
Olga ten unha máxima, nestes tempos de consumo rápido: buscar e restaurar a fermosura natural do esquecido, deses obxectos aos que ningúen presta atención. Deste xeito, o mobiliario da súa tenda no centro de Vigo foi recuperado dende moi diversas procedencias.
O paraugueiro atopouno nun rastro. O establecemento ten sete anos e non comprou máis que as vitrinas. O resto procede de comercios de segunda man ou incluso do que atopa ela mesma nas rúas. Non se rendiu á obsolescencia e a lámpada que a ilumina conta con 115 anos.
A materia non se crea nin se destrúe: transfórmase. Olga é unha ourive cuxa paixón son os minerais e recompilar cousas antigas. Con catro culleres de época, monta libélulas ou bolboretas. Elabora, a partir de obxectos a punto de tirar ao lixo, colares, gargantillas e incluso pendentes.
Apaixónalle o encanto innato da natureza, dendritas que máis que minerais parecen pinturas chinas. Pasa o seu tempo buscando obxectos esquecidos aos que dar vida. Recentemente viaxou ao Algarve, e nun acantilado contemplou a transformación das pedras contra o golpear do mar.
“Valoro unha boa esmeralda, pero non son unha grande amante dos brillantes. Hai un montón de materiais maís a partir dos que se pode crear”, subliña. Rodéana colares de cunchas e nácar, alfineteiros de prata con forma de cadeira ou de coello, caracois improvisados a partir da forma natural dunha pedra, un colar colibrí de madeira, ou unha escultura de madeira queimada, dun artista de Ponteareas. Tamén o retrato artístico dela, pintado sobre o negativo dunha foto.
De todo, o que máis vende son pendentes, para regalar: non é preciso saber a talla como ocorre cos aneis. Algunhas persoas chegan con ouro vello, fúndeno e fabrican pezas novas.
Olga leva traballando dende os 14 anos. Aos 16 entrou nas filas duns grandes almacenes, pero “chegou un momento no que me decatei de que tiña que cambiar, e fixen un curso de 900 horas grazas ao que aprendín o oficio artesá. Montei un vello taller cunha compañeira, que durou 15 anos”.
Pasou de ter miles de compañeiros a unha soa, agora xa leva sete anos traballando pola súa conta. Criouse no campo, e afirma ter os seus valores: “Eu sempre digo que son do rural”.
Pouco a pouco, a humanidade comeza a fuxir das cidades: “O reiki é unha terapia á que agora vólvese moitísimo, con minerais ou as plantas e as súas enerxías, dar un paseo polo mar… Os minerais son natureza pura, sen transformar, levan miles de anos de formación. A madeira é moito máis nova, e nós xa somos insignificantes. Ti vas ao acantilado de Cíes e leva resistindo a arremetida do mar séculos e séculos”.
Olga tenta escapar dun mundo artificial, tóxico: “A túa pel non reacciona igual a un pantalón de algodón sen contaminantes, que a outro. Estar todo o día cun pantalón de plástico pode enfermar á pel. Non entendo á xente que merca un colar sintético, por estar firmado por perico dos palotes. Que teñen deseños moi bos, pero utilizan materiais sintéticos. A cuestión é que a xente regala un colar destes, e saben que vai gustar pola marca que levan”.
Ela quere volver moito máis aló, á autenticidade e a tradición, máis preto da natureza: “Todas as pedras teñen unha historia, e iso é o bonito. A obsidiana foi empregada como punta de frecha polos indios americanos. E ao longo dos tempos as pedras acompañaron aos mandatarios, xa foran romanos, gregos, aztecas… Os maias ou os exipcios enterrábanse con xoias, que tamén eran vistas coma amuletos contra os malos espíritos”.
“Hai moita tradición”, resume. E engade como “nos séculos XIX e XX, en Portugal e tamén algo en Galicia, elaborábanse caixas de prata e ouro para gardar a primeira mecha do nado”.
Recoñece que a tenda, por si soa, non dá para vivir: “O segredo para o éxito é fabricar noutros países, que aquí con dous euros ao día de salario non vives, alí igual si. As grandes empresas “españolas” aquí teñen a loxística, fixeron o diñeiro porque non fabrican aquí”.
Ela, con case 60 anos, defende que se deberían levar a cabo políticas de comercio que axuden ao pequeno empresario: “Non hai outro país de Europa no que se pague tanto por ser autónomo”.
Olga leva cotizados 45 anos, 23 nunha grande empresa privada e con cotización alta, pero os 15 últimos anos son os que lle farán a media, polo que chegará unha pensión de xubilación pequena: “Un alto político, con só unha lexislatura, xa cobra a pensión máxima, o mesmo que un profesor despois de dar 30 ou 40 anos de clase. E eu non quero cotizar pouco, pero non podo permitirme cotizar máis, pagar un nivel superior de autónomo”.
“Para que a artesanía vaia arriba ten que estar subvencionada. Pero as subvencións van para as grandes empresas, con asesores fiscais e unha estrutura detrás”, selou.
“Que pequeno comercio hai en Príncipe? Ningún. O último foi unha papelería, que pechou fai 3 anos. Non hai lugar para o comercio local, ao final son uns alugueres que só poden permitirse os grandes, as multinacionais. As grandes áreas tamén fixeron moito dano, co mal tempo que hai en Vigo ademais, levas alí aos nenos e corren por el…”, lamenta.
Conclúe: “O pequeno comercio está abandonado. E é imposible que vaia a mellor, porque fai 15 anos ser “mileurista” era unha risa, calquera mofábanse de ti, e agora a xente xa non é nin mileurista, é “seiscentoseurista”.
E, así, “Hai moitos grandes artesáns que non poden ter nin tenda, porque non lles da para pagar autónomos”.