O deputado do BNG, Néstor Régo, saíu este mércores ao paso das declaracións realizadas nas últimas horas por parlamentarios do PSdeG, que pediron “un pouco de paciencia” aos nacionalistas sobre a negociación con Audasa para bonificar as peaxes na AP-9, e lembrou aos socialistas que “Galicia xa tivo paciencia dabondo” con todo o que respecta á autoestrada.
Así o trasladou, en declaracións aos medios, tras manter un encontro con representantes veciñais de Chapela e Trasmañó, en Redondela, e de Teis, no que tamén participaron as deputadas autonómicas do BNG, Alexandra Fernández e Carmela González, así como portavoces municipais de Vigo e Redondela.
Néstor Rego reiterou que “non se entende” que o Goberno central non cumprise o acordo de investidura, aplicando as bonificacións na peaxe da AP-9 e suprimindo a taxa entre Vigo e Redondela, cando “hai partidas nos Orzamentos Xerais do Estado” e cando “tiveron un ano” para facer as modificacións normativas necesarias.
Por todo iso, insistiu en que, se a 1 de febreiro o Goberno non rectificou e non se aplicaron esas medidas, que son “o mínimo que se debe facer”, o BNG chamará á sociedade galega “á mobilización” e apoiará as mobilizacións de colectivos veciñais e profesionais, como os transportistas. Este martes, o PSdeG lembrou que PP e BNG votaron en contra dos orzamentos que, precisamente, recollían esa bonificación e tamén que nin PP nin o Bloque se mobilizaron cando o goberno de Rajoy decidiu prorrogar a concesión da AP-9 a Audasa.
VECIÑOS
Pola súa banda, o portavoz da Asociación de Veciños de Teis, Anxo Igrexas, lembrou que tanto esta parroquia viguesa como os veciños de Redondela levan “anos reivindicando” a eliminación da peaxe, e advertiu de que os cidadáns “non queren máis escusas”. “Xa fomos enganados unha vez, cando o ministro Íñigo da Serna prometeu en 2018 que se ía a eliminar a peaxe en xullo dese ano, e estamos en 2021”, denunciou.
Igrexas engadiu que, así mesmo, quedan pendentes de executar outras melloras na zona longamente reclamadas polos colectivos veciñais, como a conversión en tramo urbano da autoestrada desde Torres de Padín, as melloras dos accesos, a mellora dos pasos elevados de Xorxa e Trapa ou a instalación de pantallas para paliar a contaminación acústica.