InicioEconomíaMuiñada de resistencia para defender o millo galego

Muiñada de resistencia para defender o millo galego

A organización da Festa do Millo Corvo en Bueu proxecta crear unha agrupación de produtores.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Cultural Meiro, de Bueu, organizadora da Festa do Millo Corvo, declarada de Interese Turístico de Galicia, está a desenvolver un proxecto para impulsar unha agrupación de produtores desta variedade autóctona de millo que se caracteriza pola cor negra dos seus grans, de aí o nome de “millo corvo”.

A presidenta da Asociación Cultural Meiro, Vitoria Martínez, confía en que esta iniciativa, aínda en fase inicial, contribúa a “implicar a máis xente na conservación dun patrimonio alimentario, unha cultura e unhas tradicións” que na comarca do Morrazo son algo “único”, non só polo seu valor a nivel social e turístico, senón tamén porque poden ter “saídas comerciais”.

O estado de alarma sanitaria decretado o pasado mes de marzo motivou a cancelación da XXII Festa do Millo Corvo que se ía a celebrar o primeiro fin de semana de abril, por iso a Asociación Cultural Meiro, en colaboración co Concello de Bueu, organizou unha “muiñada simbólica, de resistencia”, como a cualificou Vitoria Martínez, para evitar que a celebración deste ano queda “en branco”.

Así, en grupos de 20 persoas en horarios de mañá e tarde, realizáronse senllas rutas de sendeirismo ao longo do río Bispo-Frade polos muíños de Trasouto e Canudo, que concluíron cunha “muiñada de millo corvo” no muíño da Presa, que é o único en funcionamento. Para iso, seguíronse os protocolos de seguridade, con uso de máscara e hidroxel e aforamento limitado a dúas persoas no acceso ao habitáculo.

Actualmente a asociación realiza a plantación e recolección desta variedade de millo en dúas parcelas situadas na contorna de Meiro. No entanto, a presenza de xabaril dificulta a obtención da colleita polos danos nos cultivos. “O campo vai cada vez a menos”, lamentou Vitoria Martínez, pola falta de substitución xeracional, as desfeitas dos animais e a falta de axudas para compensar as perdas.

No entanto, sostén que este colectivo segue “resistindo e loitando para que non se perda” a sementeira deste millo que, ademais, segue os parámetros da agricultura tradicional sen abonos nin herbicidas, de maneira ecolóxica. Precisamente, o “millo corvo” foi o primeiro produto galego en formar parte da “Arca do gusto”, un catálogo internacional de produtos con arraigamento cultural e en perigo de extinción vinculado ao movemento ‘Slow Food’.

Ademais, cada ano o Encontro-Degustación do Millo Corvo acollía a reunión ‘Slow Food’ a nivel autonómico, xunto con casetas de exposición e venda de produtos orgánicos e naturais, talleres e charlas sobre agricultura, gastronomía, saúde ou natureza con participantes procedentes de diversos puntos de Galicia, Portugal, México, Arxentina ou Chile, entre outros países.

A XXII edición, frustrada este ano pola pandemia de COVID-19, ía ter como novidade a presentación dunha cervexa natural elaborada con “millo corvo”, malta de cebada, lúpulo, fermento e auga.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...