InicioMedio Ambiente e PatrimonioReanúndanse as escavacións en Porto Maior, o xacemento con restos humanos máis...

Reanúndanse as escavacións en Porto Maior, o xacemento con restos humanos máis antigo de Galicia

PUBLICADO O

- Advertisement -

Dende o día 11 ate 30 de xuño reiniciáronse os traballos de escavación arqueolóxica no xacemento de Porto Maior en As Neves. Estas escavacións enmárcase dentro do proxecto internacional “Minho/Miño: Os primeiros poboadores do río Miño”.

Nesta iniciativa colaboran investigadores de diferentes centros nacionais e internacionais, como as universidades de Lisboa, Porto, Minho e Adelaide (Australia), o Australian  Research Centre  for  Human  Evolution (ARCHE) e o Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH). Estes traballos contan co patrocinio e a colaboración fundamental do Concello de As Neves e da Comunidade de Montes en Man Común de As Neves.

As investigacións desta campaña procuran afondar nas particularidades deste excepcional xacemento, e coñecer mellor a distribución dos niveis de ocupación humana identificados no lugar, os cales teñen unha idade comprendida entre os 300.000 e os 200.000 anos de antigüidade. Así mesmo, coa substancial ampliación da superficie escavada tentarase explicar a natureza funcional da principal acumulación de ferramentas do xacemento.

Escavacións de Porto Maior / As Neves

O xacemento  paleolítico de Porto Maior localizouse de maneira casual no ano 2005, con motivo da realización dunhas obras de extracción de terras, que deixaron á vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos.

Tras unha serie de traballos preventivos, desenvolvidos nos anos inmediatos ao seu descubrimento, durante 2012 e 2014 retómanse os traballos de campo no xacemento, a cargo do actual equipo de investigación.

Estes traballos de  investigación puxeron de manifesto a existencia de múltiples niveis de ocupación de cronoloxía paleolítica, todos eles de tecnoloxía achelense (cultura do Paleolítico antigo europea).

o xacemento con restos de actividade humana máis antigo de Galicia

De entre estes niveis de ocupación destaca o nivel PM-4, no que se identificou unha espectacular acumulación de ferramentas de pedra, sendo o primeiro caso coñecido en todo o continente europeo.

Este tipo de comportamento é habitual en certos xacementos do paleolítico antigo africano e de Próximo Oriente. Así mesmo, as ferramentas presentes neste nivel destacan polas súas dimensións, onde achegan medidas superiores aos 18 cm (con máximos de 27 cm e 2 kg de peso), cando o normal é que non superen os 15 cm. Isto os converte nos de maiores dimensións coñecidos en todo o continente Europeo e uns dos máis grandes a escala mundial.

A datación do xacemento indican que a súa ocupación desenvolveuse entre os  300.000 e os 200.000 anos de antigüidade. Isto define a Porto  Maior como o xacemento con restos de actividade humana máis antigo coñecido en toda Galicia.

Isto vén desmontar a idea, comunmente admitida, de que a primeira ocupación humana desta rexión realizouse en tempos moi recentes, en relación ao sucedido noutras rexións españolas.

Non se coñece a día de hoxe xacemento de cronoloxía semellante en ningún outro punto de Galicia e confírmase de maneira incuestionable a presenza humana na rexión en cronoloxías moi antigas.

Durante os traballos de escavacións vanse a por en marcha, en colaboración co Concello de As Neves, un programa de actividades didácticas, que contempla un programa de visitas guiadas as escavacións e charlas para dar a coñecer entre a veciñanza de As Neves e o público xeral a importancia deste xacemento, o único do seu tipo coñecido en toda Europa.

 

ÚLTIMAS

Morre Ángel Cameselle, expresidente da xunta de persoal do Chuvi e exresponsable de Sanidade en CC.OO. Galicia

A Federación de Sanidade e Servizos Sociosanitarios de CC.OO. en Galicia confirmou nas últimas horas,...

OPINIÓN.- O Porto de Vigo: Motor do Crecemento e Desenvolvemento da Cidade

O porto de Vigo foi, sen dúbida, o principal responsable do crecemento e desenvolvemento...

O primeiro premio da Lotaría Nacional, dotado con 600.000 euros, cae no Porriño

O primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional celebrado este sábado, 19 de abril,...

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar que rexentaba en Vigo

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar...