InicioPolíticaO BNG urxe á Xunta a intervir a residencia DomusVi de Vigo...

O BNG urxe á Xunta a intervir a residencia DomusVi de Vigo na que se detectaron varios contaxios

Pide que o Goberno galego exercite as súas "competencias" e asuma a dirección e a xestión do centro para organizar o traslado dos seus usuarios a outras dependencias.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou á Xunta a intervir a residencia de maiores DomusVi situada no barrio vigués de Barreiro na que se detectaron máis dunha trintena de casos positivos en coronavirus.

O portavoz da formación na cidade, Xabier P. Igrexas, remarcou a necesidade de que o Goberno galego exercite as súas “competencias” e asuma a dirección e a xestión do centro para organizar o traslado dos seus usuarios a outras dependencias nas que se garantan “medidas preventivas” de contaxios e a atención sanitaria precisa.

En concreto, fontes da Consellería de Política Social informaron de que neste centro se contabilizaron 33 usuarios e cinco traballadores coa Covid-19, o que, en opinión do portavoz nacionalista local, representa unha “situación límite” que afecta “case o 25 por cento” dos residentes.

Neste sentido, o tamén edil na corporación local denunciou que nas instalacións da residencia “non se garante o illamento de modo preventivo” dado que non conta con áreas destinadas a ese fin ou cuartos individuais, aínda que fontes da residencia aseguraron a semana pasada que as persoas que tiveran contacto cos infectados foran postas en corentena nunha zona da residencia.

Na mesma liña, Igrexas chamou a non “esperar a que esta situación se converta nunha desgraza”, para o que considerou que o Executivo galego “debe actuar con responsabilidade e garantir o dereito á saúde” das persoas maiores, que segundo lembrou, representan un “colectivo de risco” ante un posible contaxio.

Ademais, reprobou que a “única achega da Xunta” ante esta situación fose “a propaganda”, que, ao seu xuízo, se escenificou “nunha fotografía ridícula” na que a delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Corina Porro, trasladaba material preventivo que “segue sen chegar” aos lugares nos que se precisa. Deste xeito, Igrexas asegurou que “non se destinou nin unha unidade” do mesmo aos servizos que se manteñen en funcionamento na cidade olívica.

ÚLTIMAS

Un falecido e tres feridos nun choque frontal en Redondela: un dos ocupantes quedou atrapado no vehículo

Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos este...

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

‘Gargallada Científica’, científicos da UVigo con alma de divulgadores e corazón de contacontos

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a...