InicioSociedadeAbel Caballero critica que "Feijóo segue en contra" do proxecto da Biblioteca...

Abel Caballero critica que “Feijóo segue en contra” do proxecto da Biblioteca do Estado

Culpa o PP do atraso e a Xunta ínstao a ceder os terreos e "deixarse de 'tournés'".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou este martes a súa satisfacción tras a entrevista co ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, quen, asegurou, lle trasladou “que apoia completamente” a construción dunha Biblioteca do Estado na cidade, e lamentou o atraso de sete anos “por culpa de Rajoy e das presións de Feijóo”.

Nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación, o rexedor olívico recalcou que hai “unanimidade e consenso total” co Ministerio de Cultura, a cuxo responsable trasladou a situación do proxecto e o seu plan para construír un edificio singular nos terreos municipais próximos aos actuais xulgados.

Abel Caballero asegurou que a Biblioteca do Estado xa tiña o visto e prace do goberno central presidido por Rodríguez Zapatero. “Metérono en Orzamentos a instancias miñas; alteraron a lei para que fose posible facer Bibliotecas do Estado en cidades que non fosen capital de provincia, pensando en Vigo, e a petición miña”, lembrou o alcalde.

“Pero cando chegou Feijóo á Xunta, unha das primeiras medidas foi eliminar a Biblioteca dos Orzamentos do Estado”, denunciou, e engadiu que, cando o proxecto se recuperou, con Sánchez en Moncloa, o goberno autonómico foi a Madrid “para anular a Biblioteca de Vigo”.

A pesar de todo, relatou, o goberno local mantén o seu proxecto de que se constrúa ese edificio cultural na parcela traseira dos xulgados, terreo expropiado polo Concello, e “avalado” polo Ministerio.

A partir de agora, indicou, haberá que avaliar se se aplica neses terreos a lei 3/2016 ou se se cambia o seu uso mediante unha modificación puntual da PXOM, como asegurou que se está facendo. “En próximos días”, engadiu, responsables municipais contactarán co secretario xeral do Ministerio e coa Directora Xeral do Libro para avanzar nos trámites.

Finalmente, Abel Caballero lamentou que a Biblioteca do Estado de Vigo acumula “sete anos de atrasos e paralización por culpa de Rajoy e das presións de Feijóo”, e o presidente da Xunta, insistiu, “segue en contra” de que Vigo teña esa infraestrutura cultural.

XUNTA

Respecto diso da reunión do alcalde co ministro Rodríguez Uribes, a Xunta pediu a Abel Caballero “que deixe de facer ‘tournés'” e que ceda a parcela municipal para a construción da Biblioteca.

De feito, a administración autonómica apuntou que xa hai un “compromiso”, desde agosto pasado, entre o goberno galego e o central, “para levala adiante”. Dese modo, o Estado construirá a infraestrutura, e a Xunta encargarase da xestión e mantemento.

ÚLTIMAS

O alcalde de Vigo: “Sánchez fará o que mellor lle conveña a España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez,...

Tensión tras as ameazas dun home armado cun machete en Vigo

Un home armado cun machete xerou momentos de tensión en Vigo tras un incidente...

A Policía Local localiza en Salceda un veciño do Porriño desaparecido desde o xoves

A Policía Local de Salceda de Caselas localizou na tarde deste venres a Vicente...

Conxemar reúne en Vigo expertos internacionais para abordar os retos da pesca antes da apertura da feira

Vigo converterase desde este luns nun dos puntos de encontro internacionais do sector pesqueiro...