InicioEconomíaUn catedrático da UVigo apunta que a concesión da AP-9 debeu saír...

Un catedrático da UVigo apunta que a concesión da AP-9 debeu saír a concurso e non prorrogarse

Sinala que se se prorroga a concesión "non hai mercado e non hai competencia" entre as empresas.

PUBLICADO O

O catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Julio Costa, apuntou este martes que a concesión da AP-9 debeu saír a concurso unha vez finalizada a súa vixencia, en lugar de prorrogarse (en dúas ocasións), porque así o recolle a normativa europea e a lexislación española que a traspón.

En declaracións aos medios antes de participar nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) sobre a competencia entre as empresas, Julio Costa referiuse á demanda presentada ante a Comisión Europea pola asociación EN COLETIVO, que considera que as prórrogas foron ilegais porque non saíron a concurso.

“É unha iniciativa que, de frutificar, crearía un problema serio para a administración pública”, sinalou, e engadiu que “as normas deben respectarse”. Ao seu xuízo, ao termo do prazo da concesión que tiña Audasa, esta “debeu saír a concurso” porque “o di o dereito comunitario e a normativa española que traspón ese dereito”.

Este catedrático afirmou que, ao terminar unha concesión, “ábrese o mercado e as empresas compiten”. Se se prorroga esa concesión, explicou, “non hai mercado e non hai competencia”.

XUÍZO CONTRA AUDASA

Por outra banda, con respecto ao xuízo que se inicia este martes nun xulgado Mercantil de Pontevedra, por unha demanda colectiva interposta pola Fiscalía contra Audasa (polo cobro “abusivo” de peaxes durante as obras de ampliación da ponte de Rande), este experto limitouse a expresar o seu desexo de que a sentenza “sexa favorable aos intereses dos usuarios”.

Así mesmo, con respecto á personación na causa solicitada pola Avogacía do Estado, o catedrático apuntou que a Fiscalía “actúa en defensa do interese xeral” e que a solicitude da Avogacía do Estado pode deberse á previsión dunha “posible responsabilidade patrimonial que se poida derivar dunha sentenza contraria á concesionaria”.

Finalmente, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, tamén trasladou a súa esperanza de que “Audasa deixe de cobrar o incremento do 2% –nas peaxes– ata 2048” porque iso “afecta gravemente á competitividade das empresas e aos usuarios”.

XORNADA SOBRE COMPETENCIA

Cebreiros e Julio Costa fixeron estas manifestacións antes de participar nunha xornada sobre a libre competencia, na que tamén estivo presente o presidente da Comisión Galega de Competencia, Ignacio López-Chaves.

López-Chaves lembrou que este organismo ten unha “dobre función”, por unha banda, a da defensa da libre competencia, e por outra, un labor de promoción e divulgación entre as empresas.

Segundo sinalou, entre as denuncias máis habituais que chegan nestes momentos á Comisión, ademais das que alertan de posibles abusos de posición de dominio, están aquelas referidas a acordos colusorios (pactos empresas empresas para repartirse un mercado) en materia de contratación.

Así, esas posibles infraccións chegan a este organismo a través das mesas de contratación ou do propio Tribunal Administrativo da Contratación de Galicia (TACGal), para que a Comisión inicie os expedientes e, no seu caso, sancione as empresas.

ÚLTIMAS

Outra parada da produción de Stellantis Vigo por falta de pezas

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis deterá parte da súa produción na quenda de...

O BNG critica que o Concello “bote á rúa sen alternativa” a 10 sobreviventes do incendio de Alfonso X

O BNG de Vigo criticou este martes que o Concello "bote á rúa sen alternativa" a...

Suspenden a folga de ambulancias prevista en Vigo, Cangas e Moaña para xoves e venres

Os sindicatos CIG, CCOO, USO e FS-TES acordaron suspender a folga na empresa concesionaria...

Caballero e Puente reuníronse para abordar a chegada dos trens Avril

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, reuniuse este martes co alcalde...