InicioSociedadeA cónsul de Marrocos visita Tui preocupada pola custodia dos fillos do...

A cónsul de Marrocos visita Tui preocupada pola custodia dos fillos do matrimonio falecido

PUBLICADO O

- Advertisement -

A cónsul xeral do Reino de Marrocos en Bilbao, Fatiha El Kamouri, desprazouse até Tui para interesarse pola situación dos dous menores cuxos pais, de orixe marroquí, faleceron o pasado mércores pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico na parroquia de Paramos.

A cónsul chegou ao Concello de Tui sobre as 15:30 horas e foi recibida polo alcalde da localidade, Carlos Vázquez Padín, con quen mantivo un breve encontro. Aínda que a representante diplomática non quixo facer declaracións aos xornalistas, o rexedor explicou que se interesou pola situación dos nenos que quedaron orfos após a traxedia da pasada semana e as posibilidades que se contemplan acerca da súa custodia.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Así mesmo, Fatiha El Kamouri solicitou información ao Concello acerca doutros veciños de orixe marroquí que vivían na zona onde se produciu a explosión, uns datos que o alcalde se comprometeu a facilitarlle nas próximas horas.

Con respecto á repatriación dos corpos do home e a muller que faleceron sepultados polos cascallos da súa casa en Paramos, o rexedor sinalou que, polo momento, non se sabe cando poderá realizarse, xa que o trámite está pendente de informes forenses. Após a reunión no Concello, alcalde e cónsul visitaron a ‘zona cero’ da explosión.

Por outra banda, fontes do departamento autonómico de Política Social confirmaron a Europa Press que non houbo novidades en relación coa situación dos fillos dese matrimonio falecido. Os menores permanecen ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro, baixo a tutela do xerente do centro sanitario, e a Xunta “estuda a mellor fórmula” para decidir quen se fará cargo deles en canto reciban a alta.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...