InicioMedio Ambiente e PatrimonioPor que se pode facer Porto Cabral e non a Cidade Deportiva...

Por que se pode facer Porto Cabral e non a Cidade Deportiva do Celta?

Marea e BNG piden ao goberno vigués que rexeite Porto Cabral "coa mesma vehemencia" que o proxecto do Celta en Mos e critican a "opacidade" do equipo de Caballero ante unha iniciativa que cualifican de "pelotazo" sen interese público.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Marea de Vigo e BNG denunciaron este mércores a “opacidade” do goberno da cidade con respecto ao proxecto de macrocentro comercial coñecido como Porto Cabral, ao mesmo tempo que presenta alegacións contra o desenvolvemento dunha cidade deportiva e unha área comercial promovida polo Real Club Celta no municipio veciño de Mos.

O portavoz de Marea, Rubén Pérez Correa, proclamou que “hai que ter moito ‘morro'” para presentar alegacións á área comercial de Mos, argumentando que o terreo é chan forestal de especial protección e alertando contra as consecuencias que esa área pode ter no tecido comercial de Vigo.

Segundo indicou, os promotores de Porto Cabral pretenden desenvolver un “proxecto análogo” en montes comunais de Vigo, co agravante de que esa iniciativa “non ten encaixe” na actual lexislación. “O Concello debería dicilo xa claramente, que iso non se pode facer”, afirmou Pérez Correa, quen criticou que, mentres o goberno vigués se opón ao proxecto do Celta en Mos, mantén unha actitude de “silencio, colaboración interesada ou mesmo apoio explícito” con respecto a Porto Cabral.

Por outra banda, o portavoz de Marea de Vigo lembrou que o ámbito no que se pretende facer esa actuación, en Liñeiriños, prevía que as cargas urbanísticas servisen para financiar a futura Cidade do Deporte, onde se asentaría o Celta. “E agora xa non se vai a facer en Vigo”, lembrou e engadiu que, ademais, Porto Cabral “acabaría con gran parte do pouco monte que queda a esa parroquia”.

“VEHEMENCIA” DO GOBERNO CONTRA O PLAN DO CELTA

Mentres, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, esixiu ao goberno municipal que “poña fin á permanente improvisación e a opacidade que envolve” ao proxecto de Porto Cabral, e recalcou que “nin un só metro de monte comunal pode destinarse a unha operación claramente especulativa, un pelotazo, e menos para un macrocentro comercial”.

O edil nacionalista afeou ao equipo de Abel Caballero que, mentres presenta alegacións ao proxecto do Celta, pretenda “legalizar pola porta de atrás” ámbitos de desenvolvemento comercial, como Cruceiro ou Recaré, ou que mesmo a Zona Franca, “dirixida polo PSOE”, queira “converter” o Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares nun “parque comercial”.

Pérez Igrexas preguntouse “que interese público” pode ter o desenvolvemento de Porto Cabral, e pediu ao goberno vigués que se opoña a ese proxecto “coa mesma vehemencia” coa que rexeita a iniciativa do Celta en Mos. Segundo engadiu, o que se debe facer neses terreos de Cabral é “unha gran reserva forestal”.

ÚLTIMAS

O poder arredor da mesa: quen está detrás do Foro da Toxa?

Empresas, banca, enerxía, tecnoloxía e obra pública nun foro no que tamén se reúnen...

Tenta queimar a unha persoa sen fogar en Vigo por ser “estranxeira” e logo vai tomar un café

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un varón de 53 anos, de nacionalidade...

Xulgan a unha empregada do fogar que subtraeu xoias e obxectos por case 75.000 euros dunha vivenda en Vigo

A sede viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro mércores, día 23,...

A Audiencia de Pontevedra celebra a audiencia preliminar contra un home acusado de insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo

A sección viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores a audiencia...