InicioSociedadeVeciños de Paramos denuncian que a "zona cero" está lonxe de ser...

Veciños de Paramos denuncian que a “zona cero” está lonxe de ser recuperada” ano e medio despois da explosión

Critican a tardanza nas axudas prometidas polas distintas administracións públicas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os veciños da parroquia de Paramos, en Tui, que resultou afectada o 23 de maio de 2018 pola explosión dunha pirotecnia ilegal, concentráronse este sábado para facer fincapé nos “atrasos” que experimentaron en licenzas e axudas e denunciar que, ano e medio despois destes feitos, “a zona cero está lonxe de ser recuperada”.

Convocados pola asociación de veciños Paramos-Guillarei, afectados e persoas que se solidarizaron coa súa situació, lembraron que este sábado se cumpre ano e medio desde que esta “catástrofe” nos converteu “en protagonistas dunha guerra que non querían pelexar”, pero da que libraron “moitas batallas”.

Entre elas, mencionaron particularmente a dos fillos do matrimonio falecido na explosión, ou a dos familiares e amigos “da señora Mercedes, que morreu este verán sen poder volver á súa casa e labrar a súa horta”.

A maiores, fixeron fincapé en que “a zona cero” da explosión, aquela que rodeaba a pirotecnia ilegal, “está moi lonxe de ser recuperada” e son “moi poucas” as casas que puideron “comezar as obras”.

Así, apuntaron que a intención dos veciños era comezar a reconstrución o verán pasado, pero moitos “seguen coas mans atadas por non saber aínda con canto diñeiro poden contar”, o que levou a que 18 meses despois “case non se avanzou na reconstrución”.

“TARDANZA” NAS AXUDAS

En relación a esta cuestión, os veciños criticaron a “tardanza das concesións” das licenzas de obra na zona cero por parte do Concello de Tui, que levou a que entrase “de novo o inverno”, polo que “non é momento xa de comezar as obras”.

Así mesmo, lembraron que o próximo mes de maio “finalizan as axudas ao aluguer dadas pola Xunta”, ante o que reclaman ás administracións que estuden “unha nova liña de subvencións” para as persoas que sigan necesitando alugar unha vivenda naquel momento.

Os veciños que “se quedaron sen nada” tamén “seguen esperando” pola “resolución favorable das axudas que o propio Concello articulou con fondo nos 800.000 euros restantes daquel millón que asignaron a axudar aos afectados”. “Xa pasaron meses desde o fin do prazo de presentación de solicitudes e nada se sabe das axudas”, apuntaron.

Por outra banda, tamén se referiron ás axudas que outorga o Estado pola declaración de ‘Zona Catastrófica’, que “tanto custou conseguir” para “descubrir que só os fogares cun único salario inferior á renda mínima poderían percibir os 15.000 euros”. Dos “poucos que si se poderían beneficiar destas axudas estatais, son escasos os veciños que as recibiron e boa parte seguen esperando a resolución”, engadiron.

ÚLTIMAS

Papá Noel toma un ano máis as rúas de Vigo en moto

Miles de papanoeles en moto déronse cita, un ano máis, este sábado para percorrer...

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...