O presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, reuníronse esta mañá en Bruxelas con Carlo Secchi, coordinador europeo da rede Transeuropea de Transportes, para defender a inclusión da liña A Coruña- Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia no Corredor Atlántico, enlazando coa parte do devandito corredor xa aprobado entre Aveiro e a fronteira francesa.
Durante a reunión Carlo Secchi confirmou ao presidente do Eixo que a liña A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia, reivindicación pola que o Eixo Atlántico vén traballando desde hai anos, será proposta pola Comisión Europea o próximo 6 de xuño para a súa integración no Corredor Atlántico, para a súa ratificación polo Parlamento e Consello Europeo.
A previsión para a ratificación definitiva é dun ano aínda que o actual Parlamento ten intención de aprobalo antes das próximas eleccións europeas. En calquera caso, a proposta será oficializada antes do 2020 para que poida ser cofinanciada no 2021 cos fondos do novo marco comunitario. A Comisión Europea realizará entre 2021 e 2023 unha revisión do estado das obras para garantir que no 2030 como máximo toda a rede europea estea finalizada.
A Comisión Europea abriu recentemente un prazo para que os gobernos nacionais puidesen propor alteracións ou incorporacións ás propostas que aprobou a Comisión no ano 2010, cando se aprobou a Rede de Corredores Ferroviarios Europeos.
Naquel momento o Eixo Atlántico conseguiu que o goberno portugués incluíse na proposta conxunta co goberno español o corredor Aveiro- Salamanca- Palencia- fronteira francesa, xa que inicialmente só estaban previstos o chamado Eixo 16 (que logo se incluíu no Corredor Atlántico xunto co de Aveiro) Sines, Liboa, Badaxoz, Zaragoza, Francia e o corredor do Mediterráneo. Tamén tentou sen éxito que o eixo Monforte- Palencia fose incluído nos corredores e seguiu traballando con este obxectivo desde entón.
Recentemente o Goberno español incluíu a proposta aproveitando o prazo referido, o que supuxo un gran avance na reivindicación do Eixo Atlántico. A decisión será tomada pola Comisión Europea o próximo 6 de xuño polo que o presidente do Eixo Atlántico consideraba imprescindible trasladar á Comisión a importancia do corredor, o seu impacto socioeconómico e o consenso social xeneralizado que conseguiu.
Neste sentido entregóuselle a Carlo Secchi un dossier que inclúe as certificacións dos acordos plenarios a favor do corredor que adoptaron no último mes as entidades municipais, empresariais e sociais que asistiron ao cume de O Barco o pasado día 16 de marzo tanto de Galicia como do Bierzo e Astorga.
Secchi considerou de gran importancia os acordos plenarios que Alfredo García lle entregou, resultado do cume de O Barco, xa que o consenso social é determinante para a ratificación do Parlamento. Tamén considerou moi positivo o consenso existente entre o Goberno Español, o Eixo Atlántico e a Xunta de Galicia para que o proceso chegue a bo fin.
Saída sur de Vigo
Na reunión Secchi tamén mostrou o seu interese polas liñas trasfronterizas e fixo fincapé no 30 km que faltan entre Vigo e Portugal, a chamada Saída Sur, o que deu pé a que tanto o presidente como o secretario xeral lle explicasen as conversas que veñen mantendo cos dous gobernos para impulsar este proxecto.
Nesta conversación abriuse a posibilidade de que devanditos traballos tamén poidan ser obxecto de financiamento europeo, aínda que é algo que compete ao Goberno español, polo que o Eixo Atlántico lle trasladará nos próximos días esta posibilidade ao Executivo.
A importancia da aprobación por parte da Comisión Europea radica en que a partir da súa inclusión nos corredores europeos o Goberno español poderá iniciar os trámites para acometer a obra, que será cofinanciada nun 50% pola Comisión Europea.
Esta obra permitirá conectar as mercadorías así como o transporte de pasaxeiros a velocidades de arredor de 200 km/h en ancho europeo, o que garantirá a competitividade dos portos galegos á vez que reforza o corredor de Aveiro ao achegar unha maior masa crítica de mercadorías, o que no seu conxunto reforzará o corredor do atlántico para equilibralo e competir co do Mediterráneo.
Esta reunión, que foi acordada a principios de abril, foi comunicada ao presidente da Xunta na reunión que por este tema mantiveron o 7 de maio e na que Alfredo García lle instou a impulsar o Porto Seco de Monforte, outra das reivindicacións históricas do Eixo e infraestrutura imprescindible para concentrar as mercadorías galegas e viabilizar os novos trens de 750 metros que circularán polos corredores europeos de transporte ferroviario.
Neste sentido, Carlo Secchi indicou que o Porto Seco de Monforte era unha moi boa solución para a competitividade da liña. O presidente do Eixo Atlántico manifestou a súa satisfacción pola posición da Comisión Europea e considera que “conseguimos os obxectivos previstos nesta primeira fase e o máis importante que foi sensibilizar á Comisión sobre a importancia de que integren o corredor. Aínda que a decisión non se tomará ata o día 6, temos a certeza de que a Comisión integrará a liña nos corredores europeos, o que cambiará totalmente o interior de Galicia en termos de desenvolvemento económico e a competitividade dos portos”.