InicioEconomíaUn empresario pide prisión para trece dos seus empregados por ameazas e...

Un empresario pide prisión para trece dos seus empregados por ameazas e unha indemnización de máis de 700.000 euros

O conflito mantívose mesmo a pesar de que empresario e representación sindical chegaron a asinar dúas renovacións do convenio, e un laudo de convenio arbitral tras unha folga indefinida.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un hostaleiro vigués denunciou por ameazas, coaccións e danos a 13 dos seus empregados, para quen pide penas de prisión e o pago de indemnizacións que suman máis de 700.000 euros. Os traballadores sentarán no banco dos acusados do xulgado do Penal 3 de Vigo os próximos 28, 29 e 30 de outubro.

Os feitos remóntanse ao ano 2010, cando este empresario, administrador da mercantil Oh Vigo!, fíxose co contrato administrativo da cafetaría do Hospital Meixoeiro (porque a anterior empresa crebara) e subrogou aos seus traballadores, aceptando as condicións laborais do último convenio, asinado en 2007.

O empresario sostén que non podía cumprir as condicións económicas dese convenio e, por ese motivo, suscitouse un conflito laboral por falta de pagamento de salarios e despedimentos de traballadores. A partir dese momento, en 2010, e segundo sostén a acusación particular, os acusados iniciaron unha serie de accións, “actos vandálicos” e medidas de “presión” coa finalidade de que o hostaleiro accedese ás súas peticións.

Segundo denunciou, entre 2010 e 2014 sucedéronse estes actos, como danos nas instalacións da cafetaría, colocación de carteis e adhesivos nos que se lle insultaba, pancartas no hospital e outros lugares e vías públicas, ameazas directas ou indirectas, concentracións diante da cafetaría (nas que instaban os clientes a non entrar) e mesmo danos no seu vehículo e o da súa muller.

O conflito mantívose mesmo a pesar de que empresario e representación sindical chegaron a asinar dúas renovacións do convenio, e un laudo de convenio arbitral tras unha folga indefinida.

A acusación particular considera que estes 13 procesados actuaron de común acordo para presionar ao empresario e facer que desistise da xestión da cafetaría, ocasionándolle un prexuízo persoal (sinala que sufriu un “trastorno psiquiátrico de ansiedade”), e tamén un dano á imaxe da empresa.

Por todo iso, o denunciante reclama que cada acusado sexa condenado a 2 anos de cárcere por coaccións, a outros 2 anos de prisión por ameazas, e ao pago dunha multa de 3.600 euros polos danos causados ás instalacións (mobiliario, fechaduras, circuíto de cámaras de vixilancia…).

Así mesmo, en concepto de responsabilidade civil, reclama o pago de indemnizacións que suman algo máis de 730.000 euros polos danos morais ao prexudicado, polos danos causados nas instalacións, polos danos causados polo lucro cesante e polo dano á imaxe comercial da empresa.

ACUSACIÓN PÚBLICA

Pola súa banda, a Fiscalía tamén formulou acusación, pero cingue a responsabilidade dos feitos a tres dos traballadores (aínda que admite que puideron participar outros empregados non identificados), aos que imputa un delito de coaccións, un delito de danos e dúas faltas de danos.

O ministerio público considera que os acusados “participaron activamente nunha campaña de presión” contra o empresario nos anos 2013 e 2014, que incluía pintadas e carteis con “frases insultantes”, danos nas instalacións, e outras accións, encamiñadas a producir un dano na imaxe da empresa e a perturbar o exercicio da actividade da mesma.

Por iso, pide para un dos acusados un ano e medio de prisión, e o pago dunha multa de 120 euros; para un segundo acusado, solicita un ano de cárcere e o pago dunha multa de 1.080 euros; e para o terceiro, o pago de multa de 1.800 euros.

Con respecto á responsabilidade civil, pide que os acusados paguen indemnizacións que suman uns 1.000 euros, polos danos causados no circuíto de cámaras de vixilancia da cafetaría.

CONCENTRACIÓN DA CIG

O sindicato CIG convocou para este luns, ás 9,15 horas, unha concentración diante dos xulgados de Vigo, en apoio a estes traballadores, e no marco dunha campaña “contra a represión sindical”.

A responsable da Federación de Servizos do sindicato nacionalista, Tránsito Fernández, lembrou que a CIG denunciou ante diferentes instancias que o empresario mantén “importantes débedas” con Facenda, a Seguridade Social e co Sergas, e atribuíu a denuncia penal, reclamando importantes indemnizacións, aos seus problemas de liquidez.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...