InicioPolíticaBescansa esixe "transparencia" na venda de Povisa e "respecto dos dereitos" dos...

Bescansa esixe “transparencia” na venda de Povisa e “respecto dos dereitos” dos trabalaldores

Carolina Bescansa subliñou a necesidade de "pór en pé" un Goberno que protexa os dereitos dos traballadores e que garanta a viabilidade das empresas en espazos de transparencia contractual e administrativa.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A cabeza de lista de Más País-EQUO pola provincia da Coruña, Carolina Bescansa, esixiu este sábado “transparencia” na venda do hospital Povisa de Vigo e lamentou a “violación continua e manifesta” dos dereitos dos traballadores e pacientes.

Así o sinalou Bescansa tras reunirse na cidade olívica co comité de empresa do centro hospitalario. Un encontro no que tamén estiveron presentes, entre outros, o número uno por Pontevedra da organización encabezada por Íñigo Errejón, Daniel Liceras, así como os candidatos Ruth Vallejo, Eduardo Ortiz e José Manuel Ledo.

Carolina Bescansa subliñou a necesidade de “pór en pé” un Goberno que protexa os dereitos dos traballadores e que garanta a viabilidade das empresas en espazos de transparencia contractual e administrativa.

Para ela, a garantía dos servizos públicos en España “é moito máis que unha garantía xenérica que non se aplica”, senón que “ten que ver co respecto xeral dos dereitos, tanto dos traballadores como dos enfermos”, polo que, ao seu xuízo, “iso necesita moita transparencia na relación dos contratos entre a administración pública e as empresas privadas”.

OPACIDADE

“Nada diso está a ocorrer con Povisa e todo iso é o que temos que pór en pé a partir do 10 de novembro”, reivindicou Bescansa ante os medios, tras o que engadiu que “non se poden ter grandes empresas que xestionen grandes contratos coa administración pública coa opacidade que se ve” no caso de Povisa.

Neste sentido, indicou que o máis sospeitoso “é a cantidade de información ocultada aos membros do comité de empresa, que non teñen acceso a elementos básicos para coñecer as condicións nas que se está levando a cabo a venda”. “Non se fan con opacidade as cousas que son transparentes”, sentenciou a líder de Más País.

PREOCUPACIÓN POLA VENDA

Pola súa banda, a portavoz do comité de empresa, Chus Neira (CIG), trasladou a “preocupación pola venda” que teñen os traballadores e denunciou a “opacidade” coa que esta operación se está producindo.

“Que vai pasar co hospital? Non entendemos por que a Xunta non o compra por 22 ou 24 millóns de euros, que é polo que se di que se compra”, criticou Neira, quen lamentou os “antecedentes” dos compradores do hospital, Ribeira Saúde, e que detrás desta empresa estea unha multinacional.

“Os galegos non merecemos ter a ninguén de fóra que xestione a Sanidade. O 80% da actividade de Povisa é do Servizo Galego de Saúde (Sergas). A Xunta é responsable da venda e non sabemos que hai detrás, nin as condicións”, criticou Neira en declaracións aos medios tras a reunión con Bescansa.

ÚLTIMAS

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...