InicioVigo e contornaMosO responsable do club de alterne 'Peinador' nega que 29 mulleres traballasen...

O responsable do club de alterne ‘Peinador’ nega que 29 mulleres traballasen sen estar de alta

O responsable dun hotel-club de alterne situado en Mos (Pontevedra) acusado dun delito contra os dereitos dos traballadores negou que 29 mulleres estivesen a traballar no local sen estar de alta na Seguridade Social.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O responsable dun hotel-club de alterne situado en Mos acusado dun delito contra os dereitos dos traballadores negou que 29 mulleres estivesen a traballar no local sen estar de alta na Seguridade Social.

A Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra deixou este xoves visto para sentenza o xuízo contra o dono do club no ano 2014, que se enfronta a unha pena de tres anos de cárcere e o peche do local durante cinco anos, motivo este último polo que sentou no banco xunto ao actual administrador da empresa, tamén acusado.

Segundo declarou durante a vista oral, estas persoas “non facían ningunha función para a empresa” aínda que para a Fiscalía está probado que estaban a exercer “labores de alterne” neste local coñecido como hotel-club ‘Peinador’. Os axentes da Policía Nacional que declararon no xuízo tamén sostiveron que estas mulleres ofertaban servizos de prostitución.

A Fiscalía mantén que, en data 23 de outubro de 2014, o acusado deu ocupación laboral neste local a 41 traballadores, dos cales só 12 estaban dadas de alta pola citada empresa (dous porteiros, cinco camareiros, un encargado, tres limpadoras e o encargado de seguridade e administrador do establecemento).

Así, o Ministerio Público sostén que “debían someterse ao réxime laboral imposto polo acusado” consistente en respectar os horarios de apertura e peche do local, “atraer ou servir de reclamo aos clientes para incitarlles ao consumo de copas”, de cuxo prezo total o club quedaba con 10 euros sendo para a traballadora a cantidade restante e “descontándoselle ademais 5 euros polo uso das sabas e entrega de preservativos”.

Ante o tribunal tamén declararon como testemuñas catro das mulleres afectadas, que aseguraron ser só “hóspedes” dese hotel-club co que aínda manteñen esa relación.

Trátase dun testemuño radicalmente oposto á versión dos feitos que no seu día ofreceron á Policía Nacional e os inspectores de traballo.

Para xustificar esta contradición, as mulleres explicaron que os funcionarios as entenderon mal “por culpa do idioma” e mesmo chegaron a soster que os axentes recolleron declaracións que elas non fixeron.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Salvar a Ría de Vigo e recuperar a saude pública

Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo...

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Un veciño de Vigo recibirá máis de 12.000 euros tras caer nunha escaleira mollada sen sinalización

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...