InicioSociedadeA norteamericana Centene faise co 93% do Povisa, o maior centro privado...

A norteamericana Centene faise co 93% do Povisa, o maior centro privado de Galicia

A operación do hospital vigués, que xestiona 134.000 cartillas de pacientes do Sergas, está pendente de autorizacións administrativas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O hospital Povisa, que ten asignadas 134.000 cartillas de pacientes de Vigo, O Morrazo e Val Miñor do Servizo Galego de Saúde (Sergas), asinou este xoves a súa venda a Ribera Salud, cuxo accionista maioritario é o grupo estadounidense Centene Corporation, co 90% das accións, mentres que o Banco Sabadell conta co 10% restante.

En concreto, Ribera Salud asinou a compra ao grupo Nosa Terra XXI do 93% do Hospital Povisa, nunha operación que está pendente das autorizacións administrativas correspondentes e da cal non se informou da cantidade paga no comunicado conxunto que ambas as partes emitiron. O grupo Nosa Terra XXI xestionaba desde 1996 este hospital que, con 573 camas e 1.500 profesionais, é o centro privado máis grande de Galicia.

Con esta operación, o grupo Ribera Salud, que se define como “especializado na xestión de proxectos sanitarios innovadores” e que é concesionario de centros de saúde pública en Valencia e Madrid, entra por primeira vez na sanidade galega, cando se autorice a operación. Pola súa banda, o grupo Nosa Terra XXI volverá centrarse exclusivamente no ámbito marítimo.

O conselleiro delegado do grupo Ribera Salud, Alberto de Rosa, explicou que “Povisa é un dos hospitais máis importantes” de España e puxo en valor que conta “con excelentes profesionais e servizos”. “Tras as autorizacións administrativas correspondentes, esperamos poder sumar, coa nosa experiencia e coñecemento, para seguir dando o mellor servizo aos cidadáns, contando co excelente equipo humano que fixo de Povisa un referente en calidade asistencial”, afirmou.

DEMANDAS DOS TRABALLADORES E DA XUNTA

Precisamente, tras transcender publicamente hai uns días a inminente venda de Povisa, os seus traballadores esixiron “garantías” de que se manterán os empregos e as condicións laborais máis aló de 2022, cando finaliza o actual concerto co Sergas. O comité de empresa de Povisa chegou a expor unha absorción por parte do Sergas, ao considerar que non tiña sentido que “outra empresa privada” se fixese cargo dun centro do que o “90%” dos seus pacientes proceden da sanidade pública.

Pola súa banda, a Xunta xa trasladou en días pasados a súa esixencia de que “se siga mantendo” o nivel asistencial e a calidade contemplada no actual concerto entre o Sergas e o Hospital Povisa, vixente ata 2022, así como os postos de traballo, “con independencia de quen sexa o propietario” do centro sanitario.

ACERCA DE POVISA

O hospital vigués, que conta con máis de 40.000 metros cadrados, solicitara hai un ano o preconcurso de acredores, ao declarar perdas de 7 millóns de euros (que atribuía ás condicións do concerto co Sergas). Esa situación salvouse ” tras un acordo con Sanidade, que aceptou pagar gastos farmacéuticos que ata entón non asumía, ademais de recoñecer unha serie de débedas, a cambio de pagar menos por cada paciente atendido no marco do concerto.

Ribera Salud xestiona varios proxectos en España, Latinoamérica e Europa e conta con máis de 20 anos de experiencia en proxectos de colaboración público-privada. Recentemente, puxo en marcha a súa división tecnolóxica Futurs.

O seu principal accionista, o grupo americano Centene Corporation, preséntase como “líder no sector sanitario estadounidense”. No seu comunicado, destaca que conta con máis de 30 anos de experiencia na colaboración con gobernos estatais en Estados Unidos, desenvolvendo principalmente programas gobernamentais federais ou estatais, como Medicare e Medicaid.

ÚLTIMAS

Industria empraza a 40 afectados polas expropiacións para a ampliación do PTL de Valadares a ser notificados en persoa

O Diario Oficial de Galica (DOG) publica este mércores un anuncio da Dirección Xeral...

Detida tras atropelar ao seu marido coa súa moto na avenida da Florida e darse á fuga

Unha muller, C.R.P.C. de Venezuela e 43 anos de idade, foi detida o pasado...

Detida en Serafín Avendaño tras saltarse unha orde de afastamento sobre a súa nai de 77 anos, trasladada ao hospital

Unha muller, R.K.A.Q. de Vigo e 44 anos de idade, foi detida na tarde...