InicioVigo e contornaVigoInspección de Traballo require ao Sergas que avalíe riscos psicosociais dos médicos...

Inspección de Traballo require ao Sergas que avalíe riscos psicosociais dos médicos da EOXI de Vigo

O Sergas confirma que fará esas avaliacións e que se tomarán medidas "de ser o caso".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social requiriu á EOXI de Vigo que elabore, nun prazo de tres meses, a Avaliación de Riscos Psicosociais de médicos de familia e pediatras de todos os centros de saúde da área sanitaria, segundo trasladou nun comunicado o sindicato médico CESM.

A partir desa avaliación, a EOXI debe efectuar unha planificación preventiva e adoptar as medidas necesarias en materia de seguridade e saúde laboral. Este requirimento prodúcese por mor dun escrito presentado por CESM Galicia na Inspección o pasado de mes de abril, no que denunciaba o incumprimento, por parte da EOXI, en materia de prevención de riscos laborais, xa que non se realizou a correspondente avaliación de riscos psicosociais entre todos a facultativos da área sanitaria.

Segundo CESM, “a inhumana carga de traballo que padecen os médicos de familias e os pediatras dos centros de saúde da área de Vigo foi o detonante” que os levou a denunciar a situación na Inspección de Traballo.

Así, apuntou o sindicato, os facultativos teñen que atender “ata 50 pacientes diarios, nuns tempos de dedicación claramente insuficientes”, o que provoca “graves situacións de tensións nos profesionais”.

Esta “tensión” pode “degenerar en doenzas tanto físicas como psíquicas que non teñen a obrigación de soportar”, xa que a lexislación vixente establece o dereito dos traballadores a unha protección eficaz en materia de saúde laboral.

RESPOSTA DO SERGAS

Pola súa banda, o Sergas, en relación con este requirimento da Inspección de Traballo, aclarou que a EOXI de Vigo “xa ten realizadas e presentadas” dúas avaliacións de riscos psicosociais nas categorías de médicos de familia e pediatra de dous centros de saúde do Concello de Vigo.

Así mesmo, tras precisar que non recibiu ningunha comunicación de incumprimento por parte da Inspección, sinalou que, con data 12 de agosto, recibiuse un novo requirimento no que se solicita a avaliación do resto de centros de saúde da área nun prazo de 3 meses.

Esta petición trasladouse á Unidade de Prevención de Riscos Laborais “coa finalidade de que teñan en conta na súa programación de actividade a inclusión destas novas avaliacións de riscos”. “En función dos resultados, tomaranse as medidas oportunas, de ser o caso”, incidiron fontes sanitarias. Finalmente, o Sergas recalcou que manterá a súa colaboración coa Inspección de Traballo e lembrou que, ata a data, non recibiu ningunha sanción. Así mesmo, fixo fincapé no “esforzo de xestión” da xerencia da EOXI para mellorar a atención primaria.

ÚLTIMAS

Centos de persoas saen á rúa en Vigo contra a crise da vivenda: “Nin unha Maricarmen máis”

Centos de persoas concentráronse este luns na Porta do Sol de Vigo, convocadas pola...

Vigo suspende por sorpresa a licitación do bus urbano, o maior contrato da súa historia

O Concello de Vigo publicou este luns na Plataforma de Contratación do Estado o...

A Xunta acorda a expropiación de case 15 hectáreas de monte comunal en Mos para a cidade deportiva do Celta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a resolución da Consellería de...

A UVigo supera o 100 % de ocupación nos graos e suma 3.883 novas matrículas

A Universidade de Vigo (UVigo) alcanzou unha taxa de ocupación do 103 % na...