O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este luns un “novo intento” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “pechar” o aeroporto de Peinador, pola súa pretensión de fiscalizar as axudas que os concellos outorgan ás aerolíneas, tal como se recolle no texto da lei de Acción Exterior, e anunciou que recorrerá esta norma.
Así o trasladou en declaracións aos medios, e advertiu de que o apoio á promoción turística, mediante axudas a compañías para que voen desde os aeroportos, é unha competencia municipal, que Vigo vai exercer. “Que se cre Feijóo? Como non conseguiu pechar Peinador, e agora que o aeroporto vai a velocidade de cruceiro, quere prohibir as axudas para pechalo“, proclamou o rexedor olívico.
Segundo Abel Caballero, a Xunta ten “unha importantísima débeda histórica” con Vigo no que axudas a voos refírese, pero “non só non a paga, se non que quere prohibir que Vigo apoie os voos”.
O alcalde concluíu que esta é outra “lei antiVigo” do presidente da Xunta, do mesmo xeito que fixo con outras normas “para obrigar a pagar o bus á xente de fóra, para pagar as escolas infantís e centros de día da Xunta, para obrigar a Vigo a entrar no transporte metropolitano como condición da área Metropolitana, ou para obrigar a pagar 650.000 euros en taxas pola presa de Eiras”.
“A Feijóo quédalle un ano na Xunta, e non o imos deixar. Vou denunciar todas as leis”, proclamou o alcalde, quen recalcou que “se hai un aeroporto que potenciar en Galicia é o de Vigo, que é o que compite co Porto”.
CHAPUZA NA ILLA DE ONS
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, interpretou o rexeitamento dos insulares de Ons á candidatura da Xunta para que as Illas Atlánticas sexan Patrimonio da Humanidade como unha proba da “chapuza” do goberno galego con esta candidatura, “improvisada” co único obxectivo, insistiu, de obstaculizar a candidatura impulsada polo Concello olívico (e que pide a declaración só para as illas Cíes).
En declaracións aos medios, o rexedor sinalou que esa candidatura (que, por outra banda, é a única rexistrada ante a Unesco) non conta cos informes, recollida de sinaturas ou traballos previos que si se están desenvolvendo por parte do goberno local de Vigo.
Entre as cuestións das que adoece, indicou Abel Caballero, está o apoio dos habitantes da zona. Por tanto, concluíu o alcalde, a oposición manifestada polos veciños (que colocaron carteis coa lema ‘Patrimonio da Humanidade Non, Dereitos dos Insulares Si’) pon en evidencia que a candidatura promovida pola Xunta está “rebentada”.
O alcalde de Vigo expresou a súa comprensión cara á postura dos veciños de Ons, con quen non descarta reunirse e a quen a candidatura promovida polo goberno autonómico “rómpelles a vida” e insistiu en que dita candidatura non cumpre os requisitos que reclama a Unesco. “Que estarán a dicir agora o ministro de Cultura, o embaixador ante a Unesco, ou a comisión á que Feijóo lle foi a contar as marabillas do seu proxecto? Feijóo tomoulles o pelo, enganounos e mentiulles”, sentenciou.
Ante este “novo fracaso” do presidente da Xunta, Abel Caballero volveu a reclamar a retirada “inmediata” da candidatura impulsada polo goberno autonómico, e avanzou que a candidatura do Concello de Vigo presentarase “dun momento a outro”, aínda que está “obstaculizada” pola iniciativa promovida desde Santiago.