InicioPolíticaAbel Caballero afirma que debe ser Feijóo quen conteste as súas demandas...

Abel Caballero afirma que debe ser Feijóo quen conteste as súas demandas porque outros cargos poden “cesarse en 5 minutos”

A Xunta cuestiona a vontade de diálogo do alcalde de Vigo por "faltar á verdade" e mostrar unha "actitude victimista"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, remarcou que debe ser o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen responda as necesidades da cidade, que lle trasladou esta semana mediante unha carta, debido a que, na súa opinión, as afirmacións doutros altos cargos “non valen” dado que “poden ser cesados en cinco minutos”.

Así se pronunciou este martes, a preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa en Vigo, despois de que o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, remarcase que as negociacións co Concello olívico non deben estar condicionadas a “esixencias e ultimátums”. nte esta situación, o rexedor de Vigo subliñou a importancia de que sexa Feijóo a persoa que se pronuncie respecto da carta remitida, xa que, ao seu xuízo, calquera outra posibilidade suporía “esconderse”.

Neste sentido, advertiu de que os vigueses “atenderán” á resposta que o presidente autonómico dea ás demandas relacionadas coa cidade, que definiu como “débedas da Xunta con Vigo”.

Ademais, o alcalde olívico volveu a facer referencia ao desastre electoral do PP en en a urbe galega –pasou de 13 a sete edís nas eleccións municipais de 2015 e de sete a catro nas de 2019–, resultados que leu como “mensaxes” da cidadanía ao presidente autonómico.

Nesta liña, instou a Feijóo a iniciar unha “etapa nova” na relación coa cidade mediante “feitos”, xa que, segundo volveu a reprobar, os resultados das reunións que mantivo con anterioridade co titular do Executivo galego foron “moitas fotos e ningunha realidade”, xa que, “nunca cumpriu as súas promesas”.

Abel Caballero tamén denunciou que a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, trasladouse á cidade para “dicirlle que non” ás súas demandas despois de que esta reiterase o compromiso do Goberno galego coa urbe e a favor do diálogo co Concello olívico, á vez que advertiu de que as “imposicións” serían un “obstáculo” para o consenso.

ACTUACIÓNS DEMANDADAS

Adicionalmente, volveu a acusar a Feijóo de impulsar a candidatura Cíes-Parque Illas Atlánticas ao Patrimonio da Humanidade da Unesco para “frear” a apoiada para o arquipélago vigués en solitario. Así, denunciou o “escurantismo” ligado á presentación desta candidatura, que, segundo asegurou, “non queren” os habitantes das Illas de Ons. Tamén considerou que a presentación a este recoñecemento da Ribeira Sacra prexudicará a consecución do mesmo para as illas.

Así mesmo, denunciou que a Xunta non avogue pola construción de chan industrial na cidade e acusouna de optar por municipios como Mos para este fin, ademais de reclamar a recuperación do proxecto inicial do centro de saúde de Bouzas. En relación ao abastecemento de auga, volveu ha defender a necesidade dun transvasamento de urxencia e criticou que o Concello deba pagar un canon polo mantemento da presa de Eiras.

O rexedor reclamou ademais que o Goberno galego destine fondos ás obras de reforma do estadio de Balaídos, xa que acolle os partidos do principal equipo de fútbol galego. Tamén o instou a iniciar a construción do instituto de Navia, así como a acometer melloras noutros centros educativos, e a impulsar a Formación Profesional (FP) na cidade.

Abel Caballero esixiu unha vez máis subvencións para concertos e festas na cidade, así como para as súas orquestras sinfónicas, e demandou a retirada do recurso contencioso administrativo interposto pola Xunta contra a constitución da área Metropolitana de Vigo, entre outras actuacións.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta de Galicia cuestionou este martes a vontade de diálogo do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de quen volveu a criticar a súa intención de “pór condicións”, en lugar de facilitar ese diálogo, e lamentou que o rexedor olívico “falta á verdade” e adoptou unha “actitude victimista”.

Así o trasladou, a preguntas dos medios, a delegada territorial do Goberno galego na cidade, Corina Porro, quen repetiu que, “cando hai ánimo de dialogar, o mellor é aproximar posturas e non pór condicións”.

Corina Porro incidiu en que as demandas do alcalde (como condicións previas para esa aproximación coa Xunta) “parece que están buscadas para non establecer o diálogo”, e repetiu, entre outras cuestións, que non se pode retirar “a única candidatura rexistrada” das Cíes para ser Patrimonio da Humanidade; que hai que cumprir a lei de Patrimonio nas obras de Gran Vía; que as obras para as que o alcalde pide aplicar a lei 3/2016 pódense facer cunha modificación da PXOM; ou que os tribunais “xa se pronunciaron” sobre a área Metropolitana.

Por outra banda, a delegada tamén recalcou o “compromiso” do goberno galego coa cidade, e subliñou que, na actualidade, hai obras e investimentos promovidos en Vigo polo goberno de Feijóo por valor de máis de 85 millóns de euros. “Como se pode criticar iso? É malo que veñan conselleiros á cidade? É malo que se financien estudos de inglés, que se fagan albergues, que se tripliquen as axudas ao Marisquiño?…”, preguntou Corina Porro.

ÚLTIMAS

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

‘Gargallada Científica’, científicos da UVigo con alma de divulgadores e corazón de contacontos

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a...

Pontón esixe á Xunta mercar Povisa: “Na sanidade privada non ven pacientes, ven clientes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu unha vez máis a compra do...