O candidato de Unidas Podemos á Presidencia do Goberno, Pablo Iglesias, percorreu este xoves o eixo atlántico desde Ferrol ata Vigo, onde arroupou a cabeza de lista por Pontevedra, pero ferrolá, Yolanda Díaz. E fíxoo enarborando a bandeira da pesca, o naval e a agricultura, algúns dos principais sectores produtivos do país, tras acudir á lonxa e participar nunha manifestación do comité de empresa de Navantia.
A súa visita a Galicia produciuse coincidindo coa conmemoración da Revolución dos Caraveis, cuxo himno con letra de Zeca Afonso reza o coñecido ‘o pobo é quen máis ordena’, un lema que a esquerda rupturista recuperou desde a crise europea e que soou e formou parte en varias ocasións dos actos electorais.
Así, xa en 2014 cantouse ata en dúas ocasións o ‘Grândola, Vila Morena’ en Santiago de Compostela, precisamente o lugar onde este himno revolucionario pacífico soou por primeira vez antes da Revolución de 1974. Foi nun mitin con Alexis Tsipras durante a campaña para as europeas de Alternativa Galega de Esquerda –daquela Podemos concorrera en solitario– e no que, ademais do histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, participou a que entón era a súa socia e agora candidata de Unidas Podemos, Yolanda Díaz.
As referencias a que “o pobo é quen máis ordena” fóronse repetindo en distintos actos de campaña estes anos, un deles, o multitudinario celebrado en maio de 2015 durante a campaña das municipais en que Pablo Iglesias encheu, xunto ao candidato Xulio Ferreiro, o auditorio grande de Palexco.
Este xoves, tamén nun abarrotado Auditorio Mar de Vigo, volveu soar este himno ao peche do acto. Con caraveis en man e brazo no alto, entoaron a letra Pablo Iglesias e os principais candidatos da En Común-Unidas Podemos, a coalición que subscribiron a formación morada e Esquerda Unida xunto a Equo en Galicia e na que xa non están os nacionalistas de Anova.
BANDEIRA DOS SECTORES ESTRATÉXICOS
Previamente, na súa intervención, o candidato de Unidas Podemos á presidencia do Goberno enarborara a defensa de sectores produtivos estratéxicos para Galicia, como a pesca, a gandaría ou a construción naval, como “a mellor forma de defender o país”.
No seu discurso, o líder do partido morado proclamou que “defender un país non ten que ver con insultar ou odiar aos independentistas”, senón que é “defender a pesca” para que o Goberno “negocie doutra maneira as cotas en Europa”. Así mesmo, engadiu que “defender un país é defender a industria e o sector naval”, e insistiu en que, para cambiar as cousas, “hai que ter vontade política e firmeza”.
Pablo Iglesias referiuse tamén a outro dos sectores estratéxicos galegos, a gandaría, e tachou de “vergoña” que “os gandeiros en Galicia teñan que vender o leite por baixo do prezo de mercado. “Fai falta un goberno que senta coas distribuidoras e lles diga que isto non pode ser, que non poden maltratar así o sector gandeiro”, salientou.
“Parecía imposible falar das cousas que importan á xente, pero nós conseguímolo, e sen insultar a ninguén”, proclamou, á vez que repasou algunhas das propostas de Unidas Podemos en materia de vivenda, emprego ou enerxía.
Finalmente, apelou á participación nas eleccións do domingo e pediu “que ninguén quede en casa” porque “os que só falan de Vox, de Torra e de que vén o lobo, merécense unha resposta de dignidade, enchendo as urnas de votos”. “Quixeron darnos por mortos moitas veces antes, e ímoslles volver demostrar que si se pode”.
CANDIDATOS GALEGOS
No acto deste xoves interviñeron tamén os candidatos galegos de En Común-Unidas Podemos ás Cortes, e pediron o apoio dos cidadáns para “liberar” Galicia das “dereitas corruptas” e para garantir a defensa dos servizos públicos, a transferencia da autoestrada AP-9 ou o apoio á industria e aos traballadores.
Así mesmo, chamaron a “non deixarse enganar pola carraca do voto útil”, tal e como expresou Yolanda Díaz, quen lembrou que, nestas eleccións, En Común-Unidas Podemos “está a xogarse co PP” a segunda deputada en Pontevedra –lugar que ocupa Ángela Rodríguez–, e as primeiras por Lugo e Ourense.
“O do voto útil operaba co bipartidismo, agora o voto vale para darlle unha patada a Vox e o PP”, advertiu o número 1 desta formación por Pontevedra.
Yolanda Díaz, quen subliñou que o país necesita un “goberno soberano”, “de maiorías sociais”, “feminista” e “que cumpra con Galicia”, pediu “encher as urnas de votos, para evitar que, votando a Sánchez, teñamos a Rivera de vicepresidente”.