InicioPolíticaMarea de Vigo pide responsabilidades políticas ao Goberno local polo centro comercial...

Marea de Vigo pide responsabilidades políticas ao Goberno local polo centro comercial de Cabral

PUBLICADO O

- Advertisement -

Marea de Vigo está a celebrar a anulación do macro-centro comercial de Porto Cabral polas irregularidades que presentaba o proxecto. Do mesmo xeito, o seu voceiro, Rubén Pérez, estimou necesario pedir responsabilidades políticas, “tanto ao Goberno Local por apoiar o proxecto como á directiva da Comunidade de Montes de Cabral por promovelo, indo ademais en contra da decisión da propia Asemblea de comuneiros.”

A Xunta Electoral de Galicia vén de trasladar a declaración de incumprimento do requisito das sinaturas necesarias para a tramitación da mesma, xa que, e segundo a Xunta electoral, non contiña fedatario que autenticase as sinaturas, o que supón unha vulneración da lexislación vixente na materia.

Esta nova, para Marea de Vigo, “supón poñer en dúbida todas as prácticas arredor da promoción deste macro-centro comercial e de ocio, é dicir, as irregularidades acontecidas na recollida das sinaturas, todos os apoios de determinados colectivos que asinan a PNL e, por enriba de todo, a vulneración do acordo dos comuneiros de Cabral que dixeron ‘non’  a ese proxecto.” explicaba Rubén Pérez na rolda de prensa que tivo lugar este  martes.

No mes de decembro, Marea de Vigo presentara no Pleno unha moción onde se pedía o rexeitamento explícito a este proxecto, mais a moción foi rexeitada: “É tamén necesario pedir responsabilidades políticas ao goberno local por apoiar este proxecto, así como á directiva da comunidade de montes de Cabral por promovelo. Que fai un presidente dunha comunidade de montes actuando como promotor dunha iniciativa que di todo o contrario do que aproba a asemblea da súa comunidade?” cuestiona Rubén Pérez.

Pola súa banda, Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo, incidía na oposición ao formato de grandes superficies comerciais, “estes proxectos venden unha creación de postos de traballo que non existen, coma se estivesen illados e desvinculados uns dos outros, e coma se o comercio local puidese soportar un crecemento ‘infinito’. O noso modelo é o comercio de proximidade, onde os beneficios quedan na cidade e o emprego xerado é digno e de calidade. Non é o mesmo que os beneficios queden na cidade de Vigo a que vaian a fondos de inversión, como son por exemplo Intu ou Eurofund, promotores de Porto Cabral”.

Alén disto, Jácome incidiu na incoherencia da postura do goberno vigués: “Non entendemos como o goberno desta cidade mantén unha posición tan férrea a un centro comercial proxectado en Mos, oposición baseada entre outras cuestións no impacto sobre o comercio local de Vigo, e sen embargo non é capaz de posicionarse con claridade con respecto ao proxecto de Porto Cabral, cuxo impacto no comercio local podería chegar a ser moito maior dadas as características do proxecto. Dende logo a nós non nos vale ningún proxecto desa índole, e precisamente non nos vale por ese impacto no comercio de proximidade”.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Riscos ambientais e patrimonio local na Barroca de Navia

As ondas de calor soportadas no mes de xuño mostran con claridade a anomalía...

Urxencias e atencións domiciliarias que corresponderían a centros de saúde serán derivadas á PAC de Vigo

A Xerencia da área Sanitaria de Vigo ordena que as urxencias e atencións domiciliarias da quenda...

Abandono ferroviario: Carme da Silva critica a situación da ‘Liña do Miño’ tras a pandemia

A senadora do BNG, Carme da Silva, esixiu ao Goberno central a recuperación total...

SPARC pecha o acordo cos seus principais investidores para establecer a planta de chips fotónicos en Valladares

SPARC Foundry asinou este luns o acordo cos seus principais investidores (Indra GRoup, Sociedade Española...