O deputado de En Marea, Antón Sánchez, instou á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a iniciar “xa” a redacción de proxectos “concretos” para actuacións orientadas a mellorar a conexión terrestre entre Vigo e O Porto, tendo en conta que este corredor foi incluído na rede global do Mecanismo Conectar Europa para o período 2021-2027.
Sánchez lamentou que “non hai marcha atrás” para que o corredor sexa incluído na rede básica, o que aumentaría a capacidade de captar financiamento para os proxectos ou a redución dos prazos de execución. Con todo, tras culpar ao PP e ao PSOE da exclusión do corredor Vigo-O Porto desta rede, o parlamentario urxiu ás administracións a iniciar a redacción de proxectos, que terán que competir con outros a nivel europeo para conseguir captar fondos comunitarios.
O deputado do partido instrumental ofreceu unha rolda de prensa este luns en Vigo na que estivo acompañado do portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, cuxo grupo presentará unha moción no pleno do concello olívico coa que esperan lograr unha “posición unánime” da corporación en defensa do corredor entre a cidade e a urbe do norte luso.
Tanto Pérez como Antón Sánchez criticaron as xestións de Partido Popular e Partido Socialista ao longo dos últimos anos sobre o Corredor Atlántico e, en concreto, a conexión terrestre entre Vigo e O Porto. Para o deputado de En Marea, a exclusión desta última da rede básica corresponde a “unha decisión política” do Goberno de Pedro Sánchez de apostar polo Corredor Mediterráneo, “marxinando de novo a Galicia”.
Ademais, tamén censura o “abandono de funcións” que, di, practicou a Xunta “nos dous últimos anos”, nos que “tal era o descoido do Goberno galego que a primeira valoración foi positiva” tras a non inclusión do corredor Vigo-O Porto na rede básica. “A conselleira (Ethel Vázquez) non estaba informada do que era a rede básica e a global”, incidiu.
E é que, finalmente, este corredor foi incluído na rede global que, como explicou Sánchez, “supón un fracaso”, pois rebaixa a súa categoría con “consecuencias” como a caída do financiamento dos proxectos a nivel global, a porcentaxe de custos que pode chegar a sufragar a UE e o aumento dos prazos de execución das obras, que aumentan 20 anos (ata 2050) respecto dos períodos que se fixan para a rede básica europea.
REDACCIÓN DE PROXECTOS
Así as cousas, e tras censurar que nas alegacións do Comité Europeo de Rexións (onde Galicia está representada por Alberto Núñez Feijóo e Abel Caballero) non figurasen “ningunha” sobre o corredor Vigo-O Porto, Antón Sánchez urxe ás administracións a iniciar a redacción de proxectos para captar fondos europeos.
“Agora xa non hai volta atrás. Tentemos que saber que actuacións queremos facer, que conexións mellorar, etc. Hai que porse xa a definir proxectos concretos para optar a financiamento europeo“, subliñou Antón Sánchez, que insistiu en que Galicia padece “un agravio comparativo” respecto doutras rexións de España por culpa “da visión de Galicia como subordinada ao centralismo radial” que, di, teñen tanto o PP como o PSOE.