InicioSucesosRoubos a punta de navalla no medio de Vigo

Roubos a punta de navalla no medio de Vigo

A descrición que fixo unha das vítimas sobre a apariencia do presunto ladrón axudou a indentificalo e relacionalo cun caso semellante en días anteriores

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un mozo de 27 anos de idade, como presunto autor dun roubo con violencia, outro en grao de tentativa e un delito de lesións.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron a pasada noite, cando unha dotación do 091 acudiu ao barrio do Calvario tras recibir un aviso de que un viandante fora atracado a punta de navalla. A vítima relatou aos axentes que, cando ía camiñando pola rúa Mestre Soutullo, na confluencia coa rúa Toledo, un home abordouno por detrás. O ladrón intimidouno cunha navalla e esixiulle que lle entregase o diñeiro.

Ao dicirlle que non tiña diñeiro, o presunto ladrón aumentou as súas ameazas e pediulle o teléfono e todo o que levaba encima, mentres se achegaba coa navalla na man. O viandante realizou un rápido movemento e logrou fuxir correndo cara á rúa Jenaro de la Fuente.

Grazas á descrición achegada por esta vítima, a Policía conseguiu localizar pouco despois o sospeitoso e, ao cachealo, atopáronlle, entre outros efectos, unha navalla ‘tipo mariposa’ e outra de menor tamaño Os axentes déronse conta de que a primeira navalla e o aspecto do individuo coincidían coa descrición facilitada na denuncia doutro roubo. Así, atribúenlle a este home unha tentativa de roubo cometida días atrás a un viandante na rúa San Roque.

Naquel caso, a vítima relatou que, cando ía camiñando pola rúa, o sospeitoso achegóuselle e, sen mediar palabra, púxolle unha navalla no pescozo, á vez que o ameazaba con cortarllo se non lle entregaba o diñeiro. Ante o risco para a súa vida, o denunciante agarrou a navalla e tirouna ao chan, á vez que empuxaba o sospeitoso e pedía auxilio a berros. O ladrón recolleu a arma branca do chan e escapou do lugar á carreira, mentres que a vítima tivo que ser atendida no hospital por dous cortes profundos nos dedos.

O home detido e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de garda de Vigo.

ÚLTIMAS

O AVE Vigo-Lisboa podería estar rematado en 2033

O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, destacou que a liña de alta velocidade...

O padroado do Ifevi presenta unha nova tasación das instalacións para avanzar na súa xestión compartida

O padroado do Ifevi trasladou este venres á Xunta, ao Concello de Vigo e...

Abel Caballero denuncia un “ataque frontal” de Rafael Louzán contra a candidatura de Vigo para o Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que o presidente da Real...