InicioPolíticaA oposición carga tras a condena por enchufe á concesionaria municipal: 'rede...

A oposición carga tras a condena por enchufe á concesionaria municipal: ‘rede clientelar’, ‘virus caciquista’…

O alcalde vigués, Abel Caballero, non entrou a valorar a sentenza.

PUBLICADO O

Os grupos da oposición no Concello de Vigo pediron de novo este mércores “responsabilidades políticas” e “decisións” trala sentenza que condena a un funcionario vigués polo ‘enchufe’ da cuñada da presidenta da Deputación, Carmela Silva, nunha concesionaria municipal.

Segundo sinalou en rolda de prensa a portavoz ‘popular’, Elena Muñoz, esta resolución da Audiencia Provincial “é a constatación da corrupción no goberno de Vigo“, no que houbo “unha trama para contratar á cuñada de Carmela Silva, por uns traballos que non fixo, pero que si se lle pagaron con diñeiro de todos os vigueses”.

Por iso, Elena Muñoz proclamou que “chegou o momento de tomar decisións” e recalcou que Carmela Silva está “incapacitada” para exercer responsabilidades políticas. Así mesmo, reclamou tamén a Santos Héctor Rodríguez (que dirixía as áreas onde traballaba o funcionario condenado) que dimita.

A portavoz do PP anunciou que o seu grupo vai pedir un pleno extraordinario para abordar esta cuestión e reclamar esas responsabilidades políticas, ademais do cesamento do funcionario; á vez que advertiu de que “isto é o cumio do iceberg, e coñeceranse máis cousas”.

Pola súa banda, Marea de Vigo, que tamén apuntou que “a dimisión de Santos Héctor Rodríguez debería ser inmediata”, sinalou que a sentenza pon de manifesto a existencia dunha “rede clientelar” de altos funcionarios “colocados” polo alcalde, Abel Caballero, polo sistema de libre designación.

No caso concreto deste funcionario condenado, o portavoz do grupo, Rubén Pérez, recordou que, durante 8 anos, ocupou de forma simultánea dúas xefaturas de área. Por iso, pediu “que se revise” toda a xestión e trámites que pasaron polas súas mans, os convenios asinados por el e outras actuacións.

Do mesmo xeito, referiuse ao xerente da concesionaria Imesapi, tamén condenado neste proceso, e expresou as súas sospeitas sobre a súa situación como “persoal subrogable” nos pregos (do mantemento da iluminación), cando cobraba un soldo “executivo” maior que o do propio alcalde.

Finalmente, con respecto ao vínculo familiar da muller contratada en Imesapi, o portavoz de Marea sinalou que “non é a cuestión máis grave”, aínda que expresou a súa sorpresa porque o funcionario condenado “diga que non a coñecía de nada e o fixera todo para que a contraten”.

Por outra banda, para Compromiso por Galicia, “a contratación, por parte dunha das principais empresas concesionarias dos servizos municipais, da cuñada da actual presidenta da Deputación de Pontevedra; xa con sentenza condenatoria no Xulgado de Instrucción nº7 de Vigo; non deixa de ser un chanzo mais dun modo de actuar e facer política do noso alcalde. O funcionario do concello é culpado a 9 anos de inhabilitación por facer o traballo sucio que lle mandaron desde o último andar do PSOE vigués, no triunvirato que forman Abel, Carmela e Santos Héctor. É unicamente por unha mal entendida lealdade, que prefire gardar silencio e ser sacrificado polo ben do actual Alcalde. Para o secretario local galeguista, Xoán Antonio Cortés: “O PSOE vigués esta infectado do virus caciquista e está a “Baltarizar” a política viguesa”.

“O diálogo é ausente, a venda de favores e a prepotencia invaden o despacho do señor alcalde. A relación do alcalde coa FAVEC e a situación do estadio de Balaídos amosan a cara escura dunha cidade que vive cos ollos pechados a moitos dos problemas que o alcalde tapa co silencio dos medios”, engadiron.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, optou polo silencio, e eludiu pronunciarse acerca da sentenza que condena a un alto funcionario do Concello olívico a cinco anos de cárcere e nove de inhabilitación, por idear un plan para que unha concesionaria municipal contratase a unha cuñada da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a cambio da adxudicación de varios contratos.

Nunha rolda de prensa, e a preguntas dos medios sobre esa resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra, o rexedor limitouse a aseverar: “Non a valoro”.

Cuestionado sobre se o goberno municipal tomaría algunha medida con respecto ao funcionario condenado, insistiu: “Non fago ningunha valoración, remítolles ás leis. Nós sempre cumprimos as leis”.

ÚLTIMAS

Sanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha intervención pública da empresa

Altos cargos da Consellería, Sergas e 061 con representación do comité de folga da...

A vivenda tutelada de Cogami en Mos contará con cinco novas prazas públicas financiadas pola Xunta

A vivenda tutelada de Cogami no municipio pontevedrés de Mos contará con cinco novas...

O TSXG acolle o luns a apelación da condena de 20 anos ao home que asasinou á súa veciña na rúa Zamora de Vigo

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...